Nova: Cultura convida ao consenso parlamentario para unha lei autonómica que recoñeza o Panteón de Galegos Ilustres como o cuarto símbolo de Galicia

23/02/2017

Cultura convida ao consenso parlamentario para unha lei autonómica que recoñeza o Panteón de Galegos Ilustres como o cuarto símbolo de Galicia

Xunto co himno, coa bandeira e co escudo

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, invitou a lograr un consenso no Parlamento de Galicia para elaborar unha lei autonómica que recoñeza o Panteón de Galegos Ilustres como o cuarto símbolo de Galicia, xunto co himno, coa bandeira e co escudo. En resposta a unha pregunta do BNG, o responsable do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que “é na Cámara de representación dos galegos e galegas onde ten que xurdir o consenso arredor de algo que tende a converterse en símbolo de Galicia”.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que toda proposta relativa ao Panteón debe ter como punto de partida a Proposta de lei elaborada en 2011 pola comisión interinstitucional coordinada polo Consello da Cultura Galega e, así mesmo, debe contar, tal e como recordou, co consenso e apoio de todas as institucións implicadas.

Deste xeito, avanzou que a Xunta de Galicia apoiará e colaborará na solución que, froito do máximo consenso posible, se aprobe no Parlamento galego, postura que, de feito, xa quedaba recollida no propio programa electoral do PPdeG. Así mesmo, Román Rodríguez animou ao BNG a sumarse a unha iniciativa de consenso que permita potenciar e recoñecer o Panteón de Galicia como un elemento singular da identidade galega.

Garantido o acceso público

En todo caso, tamén lembrou a negociación realizada no seu día pola Consellería de Cultura e Turismo co Arcebispado de Santiago para garantir o acceso público xeral a este espazo patrimonial esencial para Galicia, despois dun proceso xudicial que estableceu a súa titularidade a favor da Igrexa, e non do Concello. Nos últimos anos –subliñou– o Goberno galego traballou co obxectivo de garantir tanto a apertura ao público do Panteón, como o seu uso en condicións de plena normalidade por parte de toda a cidadanía.

Comparte