Nova: ‘Cantata a Ramón Cabanillas’ recompila 18 poemas do autor cambadés en galego e xaponés
06/08/2014
‘Cantata a Ramón Cabanillas’ recompila 18 poemas do autor cambadés en galego e xaponés
Presentada en Cambados a obra de Takekazu Asaka, que inclúe oito composicións interpretadas musicalmente
Cambados, 6 de Agosto de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, conxuntamente co alcalde de Cambados, Luís Aragunde; o autor Takekazu Asaka e o profesor Francisco Fernández Rei, presentou este serán o libro ‘Cantata a Ramón Cabanillas’ na casa da Xuventude de Cambados. Tamén estivo no acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. A obra, publicada en novembro de 2013, contén 18 poemas ilustrados con fotos e anotacións en xaponés do bardo cambadés, para que os lectores do país do sol nacente poidan entender e visualizar as paisaxes descritas nos textos.
O volume conta coa introdución do académico e profesor da Universidade de Santiago (USC) Francisco Fernández Rei; xunto cunha bibliografía de Cabanillas. O CD de audio contén oito textos da escolma interpretados por Miho Naga (soprano) e Rika Nishikawa (piano).
O titular de Cultura e Educación destacou o traballo do profesor Asaka e afirmou que grazas o seu labor “o Galego, é un idioma un pouco máis coñecido, máis valorado e máis falado nun país como Xapón, que ten dado a luz algúns dos máis brillantes xenios poéticos universais”.
Vázquez Abad salientou que o traballo da tradución “de verter aos diferentes códigos lingüísticos a palabra orixinal, é en si mesmo un esforzo de intercambio, de proxección da creatividade, que lles achega aos sistemas culturais amplos beneficios”. O conselleiro rematou a súa intervención agradecendo a participación de Asaka no acto levado a cabo o pasado 30 maio no Instituto Cervantes de Toquio recitando poesía galega en xaponés.
Embaixador da cultura galega en Xapón
Takekazu Asaka é profesor de filoloxía románica en Toquio e visitou por primeira vez a nosa terra no ano 1989 para participar nos cursos de galego para estranxeiros. En 1993 publicou unha gramática do galego moderno para xaponeses e en 2009, a tradución de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro a súa lingua natal. Con anterioridade tamén traducira ao xaponés os poemas galegos de Federico García Lorca, así como outros textos de Castelao, Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán e Wenceslao Fernández Flórez, entre outros.
O profesor Asaka entrou en contacto coa cultura e a lingua galega a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia correspondencia con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto e publicou numerosos artigos e investigacións relacionadas co galego.