Nova: O CGAI e o Consello da Cultura Galega conmemoran o Día da Muller cun ciclo de cine

06/03/2017

O CGAI e o Consello da Cultura Galega conmemoran o Día da Muller cun ciclo de cine

O programa 'Olladas de muller' proxectará na Coruña oito películas asinadas por directoras e inclúe documentais de denuncia, ficcións feministas e unha escolma de traballos de vangarda de realizadoras galegas

A carteleira de marzo-abril da Filmoteca de Galicia inclúe a extensa retrospectiva dedicada á parella Straub-Huillet e as visitas dos cineastas Dominic Gagnon e Adolpho Arrietta, entre outros contidos

  •  Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrecerá desde mañá e ata o día 11 un ciclo de películas asinadas por directoras co gallo do Día Internacional da Muller Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrecerá desde mañá e ata o día 11 un ciclo de películas asinadas por directoras co gallo do Día Internacional da Muller
  • O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrecerá desde mañá e ata o día 11 un ciclo de películas asinadas por directoras co gallo do Día Internacional da Muller O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrecerá desde mañá e ata o día 11 un ciclo de películas asinadas por directoras co gallo do Día Internacional da Muller

A Coruña, 6 de marzo de 2017.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrecerá desde mañá e ata o día 11 un ciclo de películas asinadas por directoras co gallo do Día Internacional da Muller. Como vén sendo habitual, este programa, titulado 'Olladas de muller', organízase en colaboración co Consello da Cultura Galega e intenta poñer en valor a figura de muller mediante cintas dirixidas por realizadoras e que promovan valores de igualdade e respecto.

A selección deste ano estará marcada por reivindicativos documentais e ficcións de corte feminista, ademais de ofrecer varios traballos de vangarda de realizadores galegas, que están a ter un destacado percorrido polo circuíto de festivais internacionais.

O ciclo ábrese mañá con 'Reinas de Siria', documental que denuncia a situación na que viven refuxiadas sirias en Xordania e, nesta mesma liña, exhibirá o xoves '10 años y divorciada'. Nesta ficción, explícase como en Iemen segue a practicarse o matrimonio infantil. A directora Khadija Al-Salami conta toda a historia dende a perspectiva dunha nena de 10 anos, cunha ollada respectuosa mais sen aforrar detalles.

Son dous relatos moi reivindicativos que se unen a outros cotiáns, pero cunha marcada visión feminista. É o caso de 'El futuro perfecto', da alemá afincada en Bos Aires Nele Wohlatz. Esta película, gañadora do premio á mellor ópera prima no festival de Locarno, aborda os problemas de adaptación dunha chinesa na capital arxentina, que se esforza por aprender o idioma e costumes do lugar.

Visita de Manane Rodríguez e proxeccións de cine galego

Completan o ciclo varias películas galegas que se están a mover polos certames internacionais de máis prestixio. O xoves 9 de marzo a realizadora Manane Rodríguez visitará o CGAI para presentar 'Migas de pan'. A cinta recolle o testemuño da presa política uruguaia Liliana Pereira, quen perdeu a custodia do seu fillo por defender as súas ideas ante a ditadura militar. Encarnada na ficción por Justina Bustos e Cecilia Roth, a crítica salientou as súas interpretacións desta muller loitadora e resistente en diferentes etapas da súa vida.

O programa tamén inclúe a película conxunta 'Visións', composta por diversas pezas de cineastas da provincia de Pontevedra, proxecto que tivo un amplo percorrido por concellos galegos ao longo de 2016, capitaneado pola artista Xisela Franco e a produtora Beli Martínez. Trátase dun conxunto heteroxéneo de curtas de vangarda, que presenta nomes coma os de Olaia Sendón, Sonia Méndez, Diana Toucedo ou Carla Andrade.

Pecha o ciclo o sábado día 11 o trío de filmes dirixidos recentemente por Helena Girón e Keina Espiñeira. A primeira traballa xunto con Samuel M. Delgado nunha serie de filmes sobre a bruxería en Canarias, que lles valeron seleccións en festivais coma os de Toronto ou Rotterdam. Tamén neste último estreou Espiñeira a súa curta 'Tout le monde aime le bord de la mer', sobre a crise migratoria do norte de África cara España. Con estas pezas, ambas realizadoras téñense colocado no último par de anos como dúas das promesas emerxentes máis interesantes do noso cine.

Un bimestre marcado polo ciclo de Straub-Huillet

Ademais, o CGAI contará con outros ciclos na súa carteleira marzo-abril, nunha programación bimestral que pode consultarse na web www.cgai.org. Á extensa retrospectiva sobre a referencial parella de cineastas Straub-Huillet, xa iniciada en febreiro en colaboración co Museo Reina Sofía, súmanse agora outros programas. Entre les, o dedicado ao artista e cineasta canadense Dominic Gagnon, principal convidado do festival Play-Doc de Tui, quen visitará a filmoteca o 28 de marzo, logo do seu paso polo certame de documentais. Outra das colaboracións cos festivais galegos será con Novos Cinemas de Pontevedra. Ao longo do mes de abril proxectaranse as películas gañadoras da pasada edición, quentando así motores para a seguinte, que se celebrará entre o 27 de xuño e o 2 de xullo.

Completan a programación en curso ciclos de cine clásico de Hollywood, con retrospectivas de Cecil B. DeMille e William A. Wellman, proxeccións de cinema galego na sección Off Galcia, pezas de vangarda de Daniel Barnett e Stan Brakhage ou a homenaxe a María Casares co pase de 'Orfeo', entre outros contidos.

Ademais, dentro da sección habitual Fóra se Serie, o CGAI recibirá o 5 de abril a visita do veterano cineasta independente Adolpho Arrieta para presentar a coprodución hispano-francesa ‘Belle dormant’, o seu último filme.

Fitas e horarios das proxeccións, na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte