Nova: Preestrea na Coruña de Juana de Vega, vizcondesa do arado

06/03/2017

Preestrea na Coruña de Juana de Vega, vizcondesa do arado

A película, producida por Zenit Televisión, preestréase na Coruña e o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, emitirase pola canle autonómica

Contou para a súa realización cunha subvención de 260.000 euros concedida pola Axencia Galega das Industrias Culturais
 

A Coruña, 6 de marzo de 2017.- O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na Coruña na presentación da película ‘Juana de Vega, vizcondesa do arado’, unha produción de Zenit Televisión que contou en 2014 cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de 260.000 euros, dentro da convocatoria de axudas á produción e coprodución audiovisual e na modalidade de longametraxes e miniseries televisivas de ficción de autoría galega, que promovan a cultura galega, empreguen e salienten os valores creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego e teñan un decidido propósito de difusión.

O director da Agadic subliñou o compromiso do departamento de Cultura da Xunta de Galicia co audiovisual galego, un sector considerado estratéxico e, como tal, prioritario no ámbito das industrias culturais.

Unión de forzas

Sutil agradeceu a colaboración da Fundación Juana de Vega e da Televisión de Galicia neste proxecto e sinalou, a este respecto, a necesidade de unir forzas en prol do crecemento e difusión dos produtos audiovisuais galegos.

O director da Agadic quixo ademais loar a importancia do labor que desenvolve Zenit Televisión ao divulgar a figura de mulleres como Juana de Vega e, anteriormente, con cadansúa miniserie dedicada a Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Neste sentido, salientou a fonda preocupación de Juana de Vega polos dereitos dos presos, dos labregos e das persoas desfavorecidas, así como a súa loita a favor da educación dos campesiños; e destacou o traballo da Fundación que leva o seu nome para poñer en valor esta traxectoria vital.

Así mesmo, Jacobo Sutil felicitou a todo o elenco e persoal técnico que traballou neste proxecto, por realizar un produto audiovisual de calidade, cun sólido guión e cun claro obxectivo: amosar ao gran público un contido cultural e divulgativo que, á súa vez, sexa entretido.

Na rolda de prensa participaron, ademais, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia; e Zaza Ceballos, directora da película e produtora executiva de Zenit Televisión.

‘Juana de Vega, vizcondesa do arado’

‘Juana de Vega, vizcondesa do Arado’ é un proxecto audiovisual composto por película, miniserie, documental e unidade didáctica complementaria que ten como misión dar a coñecer o legado desta muller en prol dos máis desfavorecidos, así como no resto dos eidos nos que estivo fortemente implicada, como por exemplo o desenvolvemento do agro galego.

Dirixida e producida por Zaza Ceballos, o guión é de Miguel Anxo Murado, a fotografía de Sergio Franco e a montaxe de Gerardo Rodríguez. Compoñen o elenco recoñecidos actores e actrices galegos como Sonia Castelo, Luísa Merelas, Blanca Cendán, Miquel Insua, Xoel Fernández, Fina Calleja, Iván Marcos, Lino Braxe, Casilda Alfaro, Iria Parada, Luísa Martínez, María Tasende, Adrián Castiñeiras, Ana Sanmartín, Sergio Quintana e Carlos Olalla.

Posteriormente ao acto de presentación, que tivo lugar no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), levouse a cabo a preestrea do filme no Teatro Rosalía de Castro, tamén na Coruña. A película será emitida pola Televisión de Galicia o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Comparte