Nova: O CGAI celebra o seu aniversario coa recuperación do clásico Intolerancia

13/03/2017

O CGAI celebra o seu aniversario coa recuperación do clásico Intolerancia

A filmoteca proxecta este mércores 15 a versión restaurada en alta definición da obra mestra de D.W. Griffith, unha das xoias do cine silente

A entidade cumpre 26 anos dedicada á catalogación e conversación do patrimonio fílmico e fotográfico galego, á programación de cine con interese cultural e a punteiros programas didácticos para a mocidade galega
 

  • Fotograma da película Fotograma da película
  • Fotograma da película Fotograma da película

A Coruña, 13 de marzo de 2017.- O CGAI-Filmoteca de Galicia cumpre esta semana 26 anos e, como vén sendo habitual, recupera un clásico restaurado para celebrar o seu aniversario. Nesta ocasión trátase de 'Intolerancia' (1916), de D.W. Griffith, obra mestra do cine silente dun dos cineastas que máis contribuíu ao avance da linguaxe fílmica.

Con esta película, que se proxectará na sede do CGAI na Coruña o vindeiro mércores ás 19.30 horas, e mais coa tamén monumental 'El nacimiento de una nación' puxo en marcha técnicas antes pouco comúns, coma o primeiro plano ou o ‘flashback’, ademais de crear unha montaxe realista e directa que asentou os alicerces do sistema de representación de Hollywood. Por todo iso, está considerado un dos pais do cine moderno.

'Intolerancia' conta precisamente catro momentos nos que esta se exerce na historia, dende a matanza dos hugonotes en Francia a unha folga de traballadores de inicios do século XX, pasando pola crucifixión de Cristo ou a caída de Babilonia. A importancia do filme para a cultura norteamericana é tal que a Biblioteca Nacional do Congreso decidiu declarala en 1989 “cultural, histórica e esteticamente significativa”, o que lle valeu a súa preservación. A recente restauración dixital en alta definición permite gozar deste espectáculo igual ca no día da súa estrea.

Ao servizo do audiovisual galego

A institución celebra así os seus 26 anos de traxectoria dedicada á preservación e coidado do patrimonio fílmico e fotográfico galego. A filmoteca conta nestes momentos con 3.000 copias en celuloide no seu arquivo, ademais de albergar 7.700 en vídeo ou 9.100 carteis, entre outros materiais. No eido fotográfico, ten promovido 51 exposicións.

Conta, ademais, cunha programación regular na súa sala, que reuniu xa máis de 300.000 espectadores, e con extensións en Ourense e Vigo en colaboracións cos cicnecluns Padre Feijoo e Lumiére, respectivamente. Céntrase en recuperación de clásicos, a posta en valor do cine propio e a aposta polas cinematografías máis arriscadas e de marcado interese cultural. Este traballo deu prestixio ao CGAI para se integrar na FIAF, a federación internacional de filmotecas á que pertence, onde se atopan outros centros de referencia como a Cinemateca Francesa ou a Film Society of Lincoln Center de Nova York.

Recentemente, o centro ten acadado tamén prestixio na organización de actividades didácticas para a mocidade galega, ámbito no que é pioneiro mediante as súas iniciativas CinEd, 'Cinema en curso' e 'Fotografía en curso', todas elas destinadas á educación en cine e fotografía en centros de primaria e secundaria, con programas de carácter transversal.

Comparte