Nova: Cultura apoia a divulgación e a posta en valor do patrimonio musical organístico galego
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/03/2017
Cultura apoia a divulgación e a posta en valor do patrimonio musical organístico galego
Colabora coa obra O órgano na Arquidiocese de Santiago, na que se catalogan os máis de 40 instrumentos do territorio que abrangue o arcebispado
A obra será presentada no primeiro Ciclo de Órgano Cantantibus Organis, que se celebra do 16 ao 18 de marzo en Santiago de Compostela no marco do VII Congreso Internacional do Órgano Hispano
Santiago, 14 de marzo de 2017.- A capital de Galicia acollerá do 16 ao 19 de marzo a sétima edición do Congreso Internacional do Órgano Hispano. No marco deste encontro terá lugar a presentación do catálogo ‘O órgano na Arquidiocese de Santiago’. Trátase dunha obra impulsada polo departamento de música da Arquidiocese e publicada co apoio da Consellería de Cultura e Educación que reúne os máis de 40 órganos existentes no territorio que abrangue o arcebispado compostelán e que nace como o punto de partida para un futuro plan director de rehabilitación e uso deste instrumento.
Co fin de contribuír coa difusión e mais coa posta en valor do patrimonio organístico de Galicia, o Goberno galego tamén apoia a realización da primeira edición do Ciclo de Órgano Cantantibus Organis, que comezará o xoves 16 de marzo, ás 19:00 horas, na igrexa da Universidade e que se pode consultar na Axenda de Cultura de Galicia. O concerto inaugural correrá a cargo dun dos músicos galegos máis internacionais, Fernando Buíde, e incluirá, ademais da presentación do catálogo, unha homenaxe colectiva ao profesor José López Calo
A publicación, o concerto e o congreso foron presentados esta mañá nunha rolda de prensa polo director do departameto de música da Arquidiocese de Santiago, Óscar Valado; polo presidente da Asociación do Órgano Hispano, Enrique Campuzano, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou o interese da publicación a prol do estudo do patrimonio musical de Galicia, así como do seu recoñecemento e divulgación. Nese sentido, afirmou que “o feito de acompañar o traballo de edición do catálogo coa programación do ciclo de concertos e no marco do congreso internacional nos parece un xeito moi adecuado de lograr unha maior proxección deste tesouro musical”.
Un achegamento ao patrimonio organístico
‘O órgano na Arquidiocese de Santiago’ ofrece unha primeira aproximación ao patrimonio organístico existente na rexión territorial do arcebispado compostelán, que inclúe unha relación de 43 instrumentos ordenados cronoloxicamente, desde o século XVIII ata o XXI, de acordo co ano de construción e, nalgúns casos, coa data da súa reconstrución total. Cada órgano está encabezado pola súa localización xeográfica, o nome da parroquia, igrexa, capela, mosteiro ou convento no que se atopa, que se completa coas características fundamentais do instrumento e coas ilustracións das máis de 200 fotografías que acompañan a información.
Ademais de ofrecer un inventario completo dos órganos existentes no territorio do arcebispado de Santiago, a publicación contribúe a avaliar o estado de conservación dos instrumentos, a coñecer as técnicas de construción ata a actualidade e a fomentar o estudo e a investigación histórica, musicolóxica e artística dos órganos. Ao mesmo tempo, supón un impulso na difusión e revalorización do patrimonio musical organístico galego.
Con este fin, a Secretaría Xeral de Cultura vén programando nos últimos anos, no marco do festival Espazos Sonoros, roldas pola paisaxe organística de Galicia, que nos últimos anos se centraron nalgúns dos órganos da Mariña lucense, de Ourense, de Monforte de Lemos e, precisamente, de Santiago de Compostela e Terras de Santiago.