Nova: O Museo das Peregrinacións e de Santiago achégase ao nacemento da arqueoloxía en Ourense

14/03/2017

O Museo das Peregrinacións e de Santiago achégase ao nacemento da arqueoloxía en Ourense

Faino a través da nova exposición temporal, ‘Na procura do pasado’, que recupera o labor das principais figuras que impulsaron a práctica da arqueoloxía na provincia desde o século XIX ata a pasada década dos anos 70

A mostra inclúe destacadas pezas vinculadas coa actividade de persoeiros como Marcelo Macías, Cuevillas e Xocas, e nace da colaboración co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2017.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago percorre os comezos e a evolución da arqueoloxía na provincia ourensá a través da súa nova exposición temporal, ‘Na procura do pasado’, que se pode ver ata o 28 de maio na sede da praza das Praterías, na capital de Galicia, logo da súa exhibición na sala de exposicións de Afundación da cidade de Ourense.

A exposición, que será inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; polo director do museo, Bieito Outeiriño, e polo director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), Xulio Rodríguez, pretende dar unha visión das principais figuras que levaron a cabo a práctica da arqueoloxía desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Neste labor destacan os nomes de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvís, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas e Laureano Prieto, entre outros.

Fotografías destes persoeiros e da súa poden verse na mostra, que tamén inclúe pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade e que forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, como o guerreiro de Armeá, o sedente de Xinzo, a tábula de Castromao e o mosaico da Cigarrosa, entre outras.

Os inicios da arqueolxía e do museo

A través destas pezas, a exposición explica como a traxectoria do MAPOu está intimamente ligada á investigación arqueolóxica desenvolvida ao longo do tempo na provincia de Ourense. De feito, os comezos desta actividade vencéllanse aos membros da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos, que co seu traballo e dedicación conseguiron poñer en marcha o museo, ao tempo que impulsaron actuacións de intervención en diversos xacementos, ademais de realizar o estudo das pezas que se incorporaron aos fondos do centro museístico.

‘Na procura do pasado’ poderá visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o próximo 28 de maio.
 

Comparte