Nova: Dez mostras profesionais de artes escénicas reciben 150.000 euros en axudas

11/08/2014

Dez mostras profesionais de artes escénicas reciben 150.000 euros en axudas

Estas concesións máis os 60.000 euros a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia suman unha achega aos encontros escénicos galegos de 210.000 euros, un 16,6 por cento máis ca en 2013

Os beneficiarios desta nova resolución son o FIOT de Carballo, FITO de Ourense, Mostra de Teatro de Cangas, Galicreques de Santiago, Festival de Títeres de Redondela, Alt de Vigo, Festiclown de Lugo, Mostra de Teatro de Cariño, Fetega do Carballiño e Corpo(a)terra de Ourense

Complétanse as adxudicacións ao abeiro da convocatoria da Agadic para festivais galegos de carácter profesional, no marco da que tamén se distribuíron outros 210.000 euros entre 16 eventos musicais

  • Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

Santiago, 11 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de resolver a adxudicación dun total de 150.000 euros a 10 festivais e mostras profesionais de artes escénicas, no marco do programa de subvencións que convoca anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A concesión destas axudas en réxime de concorrencia competitiva súmase este ano aos 60.000 euros cos que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad contribuíu á última edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a través dun convenio de colaboración asinado en marzo co concello desta vila ourensá. Ambas as contías elevan a 210.000 euros a achega da Consellería ao desenvolvemento de festivais e mostras galegas dedicadas ao fomento das artes escénicas con carácter profesional, investimento que rexistrou un incremento do 16,6 por cento respecto ao ano pasado.

O importe de 150.000 euros adxudicado a través da convocatoria de subvencións distribúese entre as 10 entidades organizadoras dos festivais –concellos, asociacións e cooperativas culturais– en diferentes contías a partir da aplicación dos criterios e baremos establecidos nas bases da convocatoria.

Contías
Así, o XXIII Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo recibe un total de 27.864,72 euros; o VII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), 24.774,86 euros; a XXXI Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, 21.343,07 euros; o XIX Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela, 19.204,49; XV Festival Internacional de Títeres de Redondela, 18.000 euros; Alt 14 (XIII Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo), 13.307,60 euros; Festiclown 2.0 de Lugo, 9.188,62 euros; XXXVI Mostra de Teatro Galego de Cariño, 6.807,49 euros; XXV Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño, 6.706,57 euros; e Corpo(a)terra (IV Festival de Danza e Artes do Corpo en Ourense), 2.802,58 euros.

Con esta resolución, publicada hoxe na páxina web da Agadic (www.agadic.info) complétanse as adxudicacións realizadas ao abeiro da convocatoria de axudas a festivais escénicos e musicais de carácter profesional para 2014, no marco da que o pasado venres se deu a coñecer tamén a relación dos 16 festivais de música subvencionados este ano cun total de 210.000 euros.

A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha esta liña específica de subvencións co obxectivo de articular unha canle estable de apoio aos festivais galegos que permita optimizar os recursos públicos para este tipo de eventos e impulsar a súa maior profesionalización.

Requisitos
A convocatoria deste ano abriuse a encontros desenvolvidos en Galicia entre o 1 de novembro de 2013 e o 31 de outubro de 2014 que, para a súa valoración, debían cumprir tamén os mínimos esixidos nas bases en canto á súa antigüidade (cando menos dúas edicións anteriores), contratación artística (30 por cento do orzamento subvencionable no caso dos festivais de artes escénicas), programación (seis compañías) e entradas de pago (50 por cento das representacións, agás no caso dos festivais de rúa).

A metade das 10 mostras beneficiarias, cuxas carteleiras abranguen a práctica totalidade das expresións escénicas, xa levaron a cabo as edicións apoiadas a través destas subvencións. Pola súa banda, a XXXVI Mostra de Teatro de Cariño celebrarase do 18 ao 22 de agosto, mentres que as catro restantes desenvolveranse nos próximos meses: o Fetega do Carballiño, do 2 ao 5 de setembro; o Galicreques de Santiago, do 27 de setembro ao 5 de outubro; e durante o mes de outubro, tanto o FIOT de Carballo como o FITO de Ourense.

Comparte