Nova: Esgotadas as prazas para contemplar no Gaiás as 'bágoas de San Lourenzo'
11/08/2014
Esgotadas as prazas para contemplar no Gaiás as 'bágoas de San Lourenzo'
Cen participantes gozarán deste espectáculo astrónomico, ás 22:30 horas do 12 de agosto, seguindo as indicacións dos monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
Esgotadas tamén todas as prazas para as seguintes sesións astronómicas na Cidade da Cultura, previstas para o 15, 22 e 29 de agosto e 5, 12 e 19 de setembro
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa de que están xa esgotadas as prazas para contemplar a choiva de estrelas de mañá, martes á noite, desde o alto do Gaiás a través das ‘Visitas astronómicas’, que celebra unha sesión de observación especial para descubrir o fenómeno das Perseidas, tamén chamadas 'bágoas de San Lourenzo”'
Ata trinta meteoros por minuto, se o tempo acompaña, poderán ver a noite deste martes, 12 de agosto, os participantes nesta sesión realizada que arrancará ás 22,30 horas na dársena de autobuses da Cidade da Cultura. As prazas –un total de cen- están esgotadas, demostrando o enorme interese que esta actividade que combina lecer e coñecemento esperta entre a cidadanía. De feito, están xa esgotadas as prazas para todas as sesións restantes no verán.
A xa tradicional Noite das Perseidas permitirá contemplar no alto do Gaiás, sempre e cando o tempo acompañe, a choiva de meteoros nun escenario excepcional. As tamén chamadas ‘bágoas de San Lourenzo’ poderán observarse desde a Cidade da Cultura coa axuda de monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, de quen ademais recibirán nocións básicas para aprender a mirar o ceo a simple vista.
Como en todas as sesións das Visitas Astronómicas, os participantes aprenderán a identificar as diferentes constelacións coa axuda duns planisferios ao tempo que observarán planetas, cúmulos e estrelas dobres.
Esgotadas todas as sesións
O programa de Visitas Astronómicas continuará este venres, 15 de agosto. As seguintes sesións terán lugar os venres 22 e 29 de agosto e o 5, 12 e 19 de setembro, todas elas teñan as prazas esgotadas desde hai días. En total, ao rematar o verán 1.100 persoas terán pasado polo Gaiás para participar neste programa, que cumpre a súa quinta edición.