Nova: Máis de 150 concellos benefícianse das axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego

10/04/2017

Máis de 150 concellos benefícianse das axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego

As publicacións teñen como destino as bibliotecas e axencias de lectura municipais, co fin de renovar as súas coleccións e de poñer ao dispor dos usuarios e das usuarias os títulos máis recentes en lingua galega

Esta liña de axudas, dotada con 200.000 euros, compleméntase coas subvencións para a mellora dos fondos das bibliotecas, nas que a Secretaría Xeral de Cultura investiu este ano 350.000 euros
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2017.- Un total de 152 municipios son os beneficiarios da liña de subvencións de 2017 da Secretaría Xeral de Cultura para a dotación de novidades editoriais en galego con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O importe das axudas para cada un dos concellos beneficiarios, que se pode consultar na resolución da convocatoria, publicada hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’ (DOG), en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170410/AnuncioG0164-310317-0003_gl.html, vai desde os 440 ata os 3.076 euros, en función do número de habitantes do municipio.

Para o desenvolvemento deste programa, a Consellería de Cultura e Educación ten habilitada unha plataforma en liña a través da cal o servizo bibliotecario municipal pode xestionar directamente a súa compra de libros, de acordo coa contía económica asignada, de entre aqueles títulos que ofrecen as empresas editoriais que participan no programa e que están accesibles en https://novidadeseditoriais.xunta.gal

Actualizar as coleccións das bibliotecas e axencias de lectura públicas, fomentar a lectura en lingua galega e reforzar os servizos bibliotecarios son os principais obxectivos desta liña de axudas para a adquisición de novidades editoriais con destino á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Esta convocatoria compleméntase coas subvencións da Secretaría Xeral de Cultura dirixidas á mellora dos fondos bibliográficos das bibliotecas e axencias de lectura municipais para a compra de libros, de material sonoro, de videogravacións, de recursos electrónicos etc, na que se investiron este ano 350.000 euros e da que se beneficiaron 113 concellos.

Municipios beneficiarios

A relación de concellos beneficiarios das axudas para a adquisición de novidades editoriais de 2017 inclúe os municipios de Abegondo, Alfoz, Ames, Antas de Ulla, Aranga, Arteixo, Avión, Bande, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Bóveda, Brión, Bueu, Burela, Cabana de Bergantiños, Caldas de Reis, Camariñas, Cambados, Cambre, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Castrelo de Miño, Cedeira, Cee, Cervo, Chantada, Coirós, Corcubión, A Coruña, Covelo, Crecente, Culleredo, Cuntis, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Foz, A Guarda, O Grove, A Illa de Arousa, Irixoa, Lalín, A Lama, A Laracha, Laxe, Lugo, Maceda, Malpica de Bergantiños, Marín, Meaño, Meis, Melide, Mesía, Miño, Moaña, Moeche, Mondariz, Mondariz-Balneario, Monforte de Lemos, Monterrei, Monterroso, Mos, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Nigrán, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Ourense, Ourol, Outes, Padrón, Paradela, Pazos de Borbén, O Pereiro de Aguiar, A Pobra de Brollón, A Pobra do Caramiñal, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Ponteceso, Pontecesures, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, O Porriño, Porto do Son, Quiroga, Rairiz de Veiga, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Ribadeo, Ribadumia, Ribeira, Rois, O Rosal, A Rúa, Sada, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, San Cibrao das Viñas, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Sarria, O Saviñao, Sober, Soutomaior, Taboada, Teo, Tordoia, Touro, Trabada, Trazo, Tui, Val do Dubra, O Valadouro, Valdoviño, Valga, Vedra, Viana do Bolo, O Vicedo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Vilamartín de Valdeorras, Vilanova de Arousa, Vilar de Santos, Vilasantar, Vimianzo, Viveiro, Xermade, Xinzo de Limia, Xove, Xunqueira de Espadanedo e Zas.
 

Comparte