Nova: Pesar polo pasamento do recoñecido historiador Antonio Erias Roel
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
20/04/2017
Pesar polo pasamento do recoñecido historiador Antonio Erias Roel
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017.- A Xunta de Galicia amosa o seu pesar polo falecemento do historiador, investigador, escritor e catedrático Antonio Eiras Roel, e estende as condolencias á súa familia. Eiras Roel foi catedrático de Historia moderna durante corenta anos e, baixo o seu maxisterio, formáronse varias xeracións de historiadores galegos e procedeuse á modernización da investigación histórica ao introducir en España a corrente metodolóxica francesa dos Annales.
A Xunta de Galicia quere facer un recoñecemento público da fonda implicación de Antonio Eiras Roel nos ámbitos cultural, social e universitario, e salientar a súa relevante contribución como estudoso da historia política do século XIX, con importantes obras que afondan na estrutura rural, económica, institucional e demográfica e, xa nos anos noventa, centrado nos fenómenos migratorios. As súas investigacións e os seus traballos ao respecto convertérono nun dos historiadores españois máis recoñecidos, tanto a nivel nacional como internacional.
Cronista de Galicia, foi tamén membro da Real Academia da Historia, da Société d´Histoire Moderne de París, e fundador da Asociación Española de Historia Moderna, entidade que agrupa aos modernistas españois. No ano 2000 foi galardoado co premio Antonio López Ferreiro de Investigación.