Nova: Axudas a 31 novos espectáculos escénicos de compañías profesionais
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
21/04/2017
Axudas a 31 novos espectáculos escénicos de compañías profesionais
A Agadic adxudica 600.000 euros desta liña de axudas públicas ao sector, mediante a que cada ano se apoia economicamente a incorporación á oferta cultural de novas propostas de empresas escénicas galegas
Esta achega distribúese entre 12 montaxes de compañías de recente creación, outras 12 de pequeno formato, seis de formato medio e unha de gran formato
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.- Un total de 31 compañías profesionais galegas producirán os seus novos espectáculos escénicos co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Entre elas distribúense os 600.000 euros cos que se dotou a convocatoria de subvencións á produción escénica para 2017, segundo a adxudicación que se pode consultar no web www.agadic.gal/axudas.
Desta achega económica beneficiaranse, en concreto, 12 montaxes de empresas de recente creación, outras 12 de pequeno formato, seis de mediano formato e unha de gran formato, todas elas con datas de estrea entre o pasado día 1 de abril e o 31 de marzo de 2018. A convocatoria resolveuse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas puntuacións obtidas por cada un dos proxectos tras a aplicación do baremo estipulado nas bases por dúas comisións: unha técnica da Agadic, encargada de avaliar os criterios automáticos, e outra integrada por profesionais externos, que valorou os criterios artísticos.
Programa de axudas ás industrias culturais
O obxectivo destas subvencións, ás que optou un total de 43 proxectos, é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. A contribución económica que percibirán estas 31 empresas insírese, á súa vez, no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso concreto da actividade escénica, se completa coas convocatorias destinadas a distribución e promoción exterior, a salas privadas de exhibición e a festivais.
Por modalidades, dentro da dirixida a compañías de nova creación, que sitúa o límite de antigüidade en cinco anos, subvenciónanse as seguintes propostas: Tifón, de Baobab Teatro (15.750 euros); 6 cubos negros en corpo branco, de Aporía Escénica (14.445 euros; As aventuras de Gale, de A Xanela do Maxín (12.329 euros); O camiño dos paxaros, de Magín Blanco (11.723 euros); Diferenzas, de Catrocadeiras (10.617 euros); Logos, de Lucecús Teatro (10.237 euros); Aguratrat!, de Pérez&Fernández (8.485 euros); Chuvia, de Anómico Teatro (8.473 euros); Salvador, de Borja Fernández (6.735 euros); Concerto punkinfantil, de Peter Punk (6.511 euros); A gata con zocas, de A Cova das Letras (5.400 euros); e Chola, a it girl, de Artesa Cía. (4.224 euros);
No que respecta á categoría de pequeno formato, dirixida a espectáculos de ata tres intérpretes, cofinanciaranse As botas, de Elefante Elegante (20.811 euros); A canción do elefante, de Redrum Producións (19.483 euros); Mofa e Befa: Cranios privilexiados, de Producións Teatráis Excéntricas (18.758 euros); Os golfiños e o xigante, de Fantoches Baj (18.850 euros); Animais de compañía, de Teatro do Noroeste (18.696 euros); A galiña azul, de Tanxarina (17.976 euros); Farsas de don Ramón, de Títeres Cachirulo (17.374 euros); Procedimientos ante el vacío, de Teatro Ensalle (17.049 euros); Gaia, de Artestudio Teatro (16.717 euros); Todos ao balcón, de Viravolta Títeres (14.583 euros); Robin Hood, de Emedous Produción e Distribución (14.537 euros); e Ela, de Caramuxo Teatro (12.643 euros).
Na modalidade de mediano formato, para montaxes con entre catro e sete intérpretes, os proxectos subvencionados son O rei morre, de Sarabela (39.784 euros); Circo de pulgas, de Matarile Teatro (38.275 euros); Réquiem por un monicreque, de Kukas Producións (37.779 euros), Nacidas libres, de Contraproducións (37.742 euros); Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro (35.512 euros); e Orquestra malabar, de Pistacatro Producións (32.901 euros).
Por último, Talía Teatro percibirá 55.586 euros para a produción de O servidor de dous amos, espectáculo subvencionado dentro da categoría de gran formato, con máis de sete intérpretes en escena.