Nova: Balnearia ofrece no Gaiás un percorrido pola historia das augas minerais en Galicia

26/04/2017

Balnearia ofrece no Gaiás un percorrido pola historia das augas minerais en Galicia

A exposición recolle 150 pezas orixinais relacionadas co mundo termal e mineral, tendo en conta a época de maior esplendor dos balnearios convertidos pola aristocracia e a burguesía en puntos de encontro social e cultural

A mostra, comisariada por Carlos González Guitián e Ignacio Cabano, pode visitarse na Biblioteca de Galicia ata finais de xullo

 

  • Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo
  • Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo
  • Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo
  • Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo Os conselleiros Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña inauguraron a mostra 'Balnearia', que poderá visitarse ata finais de xullo

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017.- Quedou aberta ao público a exposición Balnearia Bibliográfica. Un percorrido polas augas minerais de Galicia, que pode visitarse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o vindeiro 31 de xullo.

Tal como explicou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, a mostra, que está comisariada por Carlos González Guitián e Ignacio Cabano, permite –a través de libros, textos e imaxes– facer unha viaxe pola historia de Galicia a través das augas, desde a época romana ata a actualidade, pasando pola época de maior esplendor que supuxo a creación das primeiras vilas turísticas de Galicia convertidas en centros de moda pola aristocracia e a burguesía.

A través de 150 pezas orixinais, a exposición “debuxa o mundo impreso que acompaña ao fenómeno social das augas e os balnearios en Galicia”, subliñou Román Rodríguez, que tamén explicou que nos permite coñecer unha Galicia en constante cambio a través dos hábitos e costumes, dos gustos estéticos e dos modelos de produción e industrialización.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, salientou que desde hai moito tempo a auga é utilizada como materia prima para a cura de enfermidades, polo que non resulta estraño que moitos profesionais da saúde se dedicaran ao seu estudio.

Na mostra, observou, móstrase este interese e as contribucións realizadas por moitas destas persoas, entre as que salientou o papel do doutor Galdo, que foi xefe do servizo de Reumatoloxía do Hospital da Coruña e autor da Introdución á historia das augas minerais de Galicia; de Taboada y Leal, autor da primeira topografía médica que se publicou en Galicia; ou de Jimena Fernández de la Vega, unha das primeiras mulleres en licenciarse en Santiago, en ser premio extraordinario e en obter o doutorado en Medicina, que dirixiu os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Cestona (Guipuzkoa) e de Lanjarón (Granada).

Percorrido desde a época romana ata a actualidade

A mostra pretende amosar unha pequena selección gráfica e bibliográfica do mundo impreso que acompaña o fenómeno social das nosas augas e dos nosos balnearios desde o seu nacemento. A maioría das pezas (libros, folletos, publicacións, carteis, postais de grande tamaño, selos…) proceden da propia Biblioteca de Galicia, que se completan con outras procedentes da achega xenerosa de coleccionistas particulares, entre os que destacan a familia Galdo-Rolón ou Hijos de Rivera S.A. (Cabreiroá), así como coa colaboración de entidades coma o Cluster de Augas de Galicia.

O proxecto expositivo arranca con referencias sobre o uso e o gozo das augas mineiro-medicinais nas fontes escritas clásicas desde a romanización para, posteriormente, abarcar a hidroloxía xeral de Galicia entre os séculos XVIII e XIX. A esta época pertencen numerosos estudos médicos e farmacéuticos sobre as propiedades das nosas augas e o seu uso terapéutico.

Se ben é certo que o seu uso mineral e termal é o tratamento máis antigo que o home empregou para o coidade das enfermidades, a popularidade dos balnearios medrou especialmente no século XIX convertidos, pola aristocracia primeiro e pola burguesía despois, en lugares de moda e de punto de encontro para as relacións sociais e culturais. E aí cando nace o gran proxecto industrial e de lecer da illa da Toxa, o de Mondariz Balneario, ou a vila termal de Cabreiroá. Xa a mediados do século XIX comeza a xurdir tamén a moda dos baños de mar, á que Galicia tampouco foi allea.

Todos este percorrido histórico pode verse a través desta mostra, na que tamén se trata o tema dos balnearios como escenario na literatura (El cisne de Vilamorta, de Pardo Bazán) e no cine a través de filmes como a película muda Miss Ledyia, e documentais sobre A Toxa, Mondariz e Cabreiroá, entre outros.
 

Comparte