Nova: O Festival Mondoñedo é poesía abre a programación cultural do mes das Letras
28/04/2017
O Festival Mondoñedo é poesía abre a programación cultural do mes das Letras
O municipio lucense acolle o 1 de maio a cuarta edición desta iniciativa, na que dialogan os poetas históricos mindonienses con voces actuais da literatura galega, como Manuel Rivas, Eva Veiga, Marta Dacosta e Modesto Fraga
Promovida pola Asociación As San Lucas, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, do Concello de Mondoñedo e do colectivo Mondoñedo É, o festival realizarase nas rúas e prazas da localidade, no marco da feira As Quendas
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017.- A programación cultural do mes das Letras Galegas bota a andar coa cuarta edición do Festival Mondoñedo é Poesía, que se realizará hoxe, 1 de maio, a partir das 17:00 horas, nas rúas e prazas do municipio lucense.
A programación deste ano presentárona en rolda de prensa a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Soto; o cronista oficial de Mondoñedo e membro do colectivo Mondoñedo É, Antonio Reigosa; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou o interese da iniciativa para “difundir e poñer en valor as voces actuais das letras galegas”.
Manuel Rivas, Eva Veiga, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Modesto Fraga, Montse González, Ana Vila, Antón de Guizán, Antón Fortes, Carmen Lage, Carmen Rodríguez, Daniel Irimia, Eva García e Paloma Suanzes son os protagonistas este ano do recital poético musical, que terá lugar ás 19:00 horas no auditorio Pascual Veiga. Tampouco faltarán as regueifas nin as propostas artísticas, cunha exposición que terá como eixo a poesía.
Protagonismo dos poetas mindonienses
Ademais de darlles visibilidade aos autores e autoras actuais, o festival “recupera figuras senlleiras do noso sistema literario que teñen nunha das sete capitais do antigo reino de Galicia a súa terra natal, como Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela, Díaz Jácome ou Leiras Pulpeiro”, afirmou o secretario xeral. “Precisamente –recordou–, os escritores mindonienses teñen este ano un dobre protagonismo na axenda cultural de Galicia”, xa que, segundo explicou Anxo Lorenzo, tamén son o eixo central do programa ‘No bico un cantar 2017’, que levará ao municipio lucense, o próximo 2 de xuño, un concerto cun coro infantil de máis de 500 nenos e nenas para cantar os versos dos poetas desta terra, co acompañamento musical de Hércules Brass e baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave.
Mondoñedo é Poesía dará comezo ás 17:00 horas, cunha ofrenda-homenaxe a Eduardo Lence-Santar co gallo do centenario do seu nomeamento como cronista oficial do municipio lucense, cargo que exerceu durante máis de corenta anos.
Achegarlle a poesía á cidadanía
O festival ten como principal finalidade achegar este xénero literario á rúa para a súa difusión entre todos os públicos, poñendo en valor o patrimonio literario mindoniense en particular e o galego en xeral. Partindo do legado literario de figuras como as de Álvaro Cunqueiro, de Leiras Pulpeiro, Díaz Jácome e outros escritores nados en Mondoñedo ou que tivesen este concello como lugar de formación ou inspiración, o festival quere dar a coñecer novas figuras literarias que cultivan a poesía en galego a través de actividades dirixidas a todas as idades.
A Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con esta iniciativa que promove a Asociación As San Lucas co apoio do Concello de Mondoñedo e do colectivo Mondoñedo É.