Nova: O Ciclo de concertos didácticos de órgano de Celanova pon en valor entre os máis novos o patrimonio organístico galego

24/05/2017

O Ciclo de concertos didácticos de órgano de Celanova pon en valor entre os máis novos o patrimonio organístico galego

Participan centros educativos do municipio ourensán, de Moaña e de Fene

 

Celanova, 24 de maio de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu á nova sesión do VIII Ciclo de concertos didácticos de órgano Celanova, que se desenvolve desde o pasado mes de marzo e ata comezos de xuño na igrexa de San Salvador do municipio ourensán, coa participación de alumnado de primaria e de secundaria de diversos centros educativos. Alí tivo ocasión, xunto co alcalde de Celanova, José Luis Ferro, de acompañar o alumnado do IES A Paralaia, de Moaña, que participou nunha nova sesión do ciclo, xunto co CPR Sagrado Corazón de Celanova e co CPI A Xunqueira, de Fene.

Dirixido por Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, o ciclo inclúe unha explicación do instrumento enmarcado dentro dos contidos pedagóxicos de cada etapa escolar á que vai dirixida cada sesión. A clase é eminentemente práctica para os alumnos e alumnas, que previamente preparan na aula varias pezas cos seus profesores para poder interpretalas conxuntamente co órgano dentro do desenvolvemento do concerto didáctico.

 

Programacións no patrimonio histórico

A Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con este ciclo promovida polo Concello de Celanova co obxectivo de contribuír á difusión e á valoración social do patrimonio cultural galego, a través de programacións desenvolvidas en monumentos históricos, ao tempo que se pon en valor entre os máis novos o patrimonio organístico galego.

O International Keyboard Festival & Masterclass Eurocity Tui-Valença (IKFEM) ou o Ciclo de música relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera son outras das iniciativas que contan coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se enmarcan neste obxectivo de difusión do patrimonio histórico de Galicia.

Comparte