Nova: Abre o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios da Cultura Galega 2017

26/05/2017

Abre o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios da Cultura Galega 2017

As institucións e entidades culturais e profesionais poderán presentar as súas propostas desde o 27 de maio ata o vindeiro 26 de xullo

Estes galardóns, convocados pola Xunta de Galicia, poñen en valor a excelencia creativa e o labor de difusión cultural desenvolvido por persoas e institucións nos ámbitos das letras, das artes plásticas, das artes escénicas, da música, do audiovisual, da lingua, do patrimonio cultural e da proxección exterior

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns galardóns que teñen por obxecto apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos ámbitos das letras, das artes plásticas, das artes escénicas, da música, do audiovisual, da lingua, do patrimonio cultural e da proxección exterior, que son as oitos modalidades que contemplan os galardóns.

As bases da nova edición dos premios publícanse hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’, en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170526/AnuncioG0164-160517-0003_gl.html, e establecen como prazo para a presentación das candidaturas desde o 27 de maio ata o vindeiro 26 de xullo. Durante ese período, as institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, poderán presentar as súas candidaturas, sen se postular a si mesmas.

 

Xurado dos premios

Os encargados de escoller os premiados desta nova edición será os membros dun xurado conformado por representantes da Consellería de Cultura e Educación, do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Vigo (en representación rotatoria das universidades galegas), da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, ademais de catro profesionais independentes.

 

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único premio e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa. O galardón consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un ar­tista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

 

Os galardoados na pasada edición

Na edición de 2016, os Premios da Cultura Galega galardoaron na modalidade de Letras a  destacada escritora e pensadora feminista María Xosé Queizán. Pola súa defensa e promoción da cultura plástica en Galicia, o galardoado en Artes Plásticas foi o crítico de arte Miguel Fernández-Cid, mentres que o premio en Artes Escénicas recaeu na compañía Sarabela Teatro, integrada actualmente por Ánxeles Cuña, Elena Seijo, Sabela Gago, Fina Calleja e Fernando Dacosta.

Na modalidade de Música, o galardón foi para o director e pianista compostelán Maximino Zumalave, e a cooperativa Numax obtivo o recoñecemento do xurado na de Audiovisual. A Irmandade Xurídica Galega foi a gañadora na categoría de Lingua e, en Patrimonio Cultural, o xurado recoñeceu o traballo do Museo de Pontevedra. Finalmente, Elena Zernova, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, recibiu o Premio Cultura Galega de Promoción Exterior.

 

O acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2016 tivo lugar o pasado mes de xaneiro nun acto institucional na Cidade da Cultura de Galicia, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, no que os premiados e premiadas recibiron unha escultura en bronce de Manolo Paz. As imaxes e o vídeo da entrega de premios están accesibles na web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/premios-cultura-galega

Comparte