Nova: O festival Piano Meeting presenta os gañadores da fase de concurso

21/06/2017

O festival Piano Meeting presenta os gañadores da fase de concurso

Juan Daunesse, Elena Frutos, ASR Jazz Trío, Dúo Gamma, Darío Meta, Andrés Navarro, Carlos Gil, Estefanía Cereijo, Jacobo Ramose e Trío Quijote participarán a finais de setembro neste encontro musical que se celebrará na cidade das Burgas

O próximo 14 de xullo daranse a coñecer outros 25 seleccionados polo xurado que competirán a través das redes sociais

A Consellería de Cultura e Educación, o Concello de Ourense e Viaqua colaboran con esta iniciativa, que ofrecerá a finais de setembro actuacións na rúa en espazos emblemáticos da cidade
 

  • Festival Piano Meeting Festival Piano Meeting

Ourense, 21 de xuño de 2017.- Piano Meeting 2017 presentou  os gañadores seleccionados polo xurado na fase de concurso, que terán a oportunidade de tocar neste festival a finais do mes de setembro na cidade das burgas, coa colaboración da Xunta de Galicia, do Concello de Ourense e de Viaqua. Representantes destas tres institucións participaron hoxe na rolda de prensa na que se deron a coñecer os 10 músicos seleccionados para participar no festival, dirixido polo pianista Javier Otero Neira.

O primeiro clasificado, premiado con 1.000 euros, foi Juan Daunesse, pianista madrileño, e o segundo premio, dotado con 500 euros, divídese entre Elena Frutos, de Madrid, e ASR Jazz Trío, do Carballiño. Os outros sete seleccionados son Dúo Gamma, cuxos integrantes proceden de Silleda e de Madrid; Darío Meta, madrileño residente en Alemaña; Andrés Navarro, de Madrid; Carlos Gil, de Vigo; Estefanía Cereijo, de Bueu; Jacobo Ramos, da Coruña; e Trío Quijote, de Madrid. Todos eles terán a viaxe e o aloxamento pagos pola organización para acudir a tocar no festival.

Un proxecto pioneiro e singular
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou durante a rolda de prensa o interese da programación do festival, ao que se referiu como unha oportunidade para o diálogo musical entre artistas galegos e doutros puntos do Estado e do estranxeiro. Así mesmo, incidiu na singularidade da iniciativa, que ofrecerá actuacións na rúa durante todo o día, para o que se disporá de catro pianos en distintos espazos emblemáticos da cidade.

“Todo isto cos obxectivos de achegarlle a cidadanía unha programación musical de calidade nun formato novidoso, próximo e participativo, e de situar a Galicia no mapa cultural con este tipo de eventos que se están a celebrar nalgunhas das principais cidades do mundo”, afirmou o secretario xeral, que participou na rolda xunto co alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez e Belén Iglesias, respectivamente; o director do festival, Javier Otero Neira; e Julio Masid, director xeral de Viaqua.

Máis de 50 participantes
En total participaron 55 candidatos procedentes de toda España e residentes en países como Alemaña, Holanda ou Reino Unido, e cuxos estudos musicais se desenvolven en prestixiosos centros, como a Escola Raíña Sofía, a Universidade Alfonso X O Sabio, os conservatorios superiores de Vigo e da Coruña, os conservatorios profesionais de Santiago de Compostela e de Ourense, o Conservatorio Superior de Aragón, a ESMUC, o Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, a Escola Superior de Música de Lübeck (Alemaña), o Conservatorio de Maastrich (Holanda) ou a Universidade de Leeds (Inglaterra).

O xurado
O xurado estivo conformado por Miguel Vizoso, profesor do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto; Fernando Buíde, compositor e profesor do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; Nicasio Gradaille, profesor do Conservatorio Superior de Vigo; e Javier Otero Neira, pianista e director do Festival.

O próximo 14 de xullo daranse a coñecer outros 25 seleccionados polo xurado que competirán a través das redes sociais por un dos 10 postos que completarán a listaxe de 20 pianistas que terán lugar e hora asignados para tocar no festival.

Piano Meeting 2017 celebrarase a finais do mes de setembro en Ourense e contará coas actuacións dos 20 seleccionados na fase de concurso, que terán lugar ao aire libre en lugares emblemáticos da cidade. Incluirá tamén obradoiros de piano para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, ademais de favorecer a participación de pianistas espontáneos que se animen a tocar.
 

Comparte