Nova: O Festival Groba converte Ponteareas en referente da música clásica
20/08/2014
O Festival Groba converte Ponteareas en referente da música clásica
Sobranceiros artistas internacionais e músicos galegos de ampla experiencia ofrecerán oito concertos con obras de Rogelio Groba e doutros compositores da música clásica universal
A Orquestra de Cámara Galega, moi ligada á divulgación da obra do mestre Groba, volverá ser a orquestra en residencia do festival
Ponteareas (Pontevedra), 20 de agosto de 2014.- O II Festival Groba converterá Ponteareas, do 23 ao 30 de agosto, en centro de referencia musical para afeccionados, intérpretes e creadores galegos, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e o Concello de Ponteareas.
Logo da boa acollida en 2013 por parte da crítica e do público, a localidade pontevedresa será o escenario da segunda edición deste festival, “que, malia a súa xuventude, constitúe un evento de referencia na axenda cultural de Galicia”. Así o afirmou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do festival, que ofrecerá, da man dun amplo elenco de solistas convidados e de intérpretes virtuosos, oito concertos de acceso gratuíto no Auditorio Municipal.
Recoñecemento á dedicación e á excelencia musical
Á relevancia deste festival contribúe, segundo afirmou o secretario xeral, “o compositor que lle dá nome, un mestre da música feita no noso país, comprometido co patrimonio sonoro de Galicia e que representa a dedicación á música nas súas diversas vertentes: como compositor, director, intérprete ou pedagogo”. “Este festival –engadiu– contribúe a poñer de manifesto, unha vez máis, a relevancia da súa traxectoria na música, así como a recoñecer e a agradecer tantos anos de traballo, dedicación e excelencia, desde aqueles inicios na banda A Unión de Guláns”.
Anxo Lorenzo tamén destacou a participación dunha das principais formacións musicais de Galicia, a Orquestra de Cámara Galega, moi ligada á obra do compositor de Ponteareas, e referiuse á contribución do festival a prol da posta en valor da música clásica, así como do labor que os músicos galegos realizan no ámbito da interpretación en cooperación con artistas internacionais.
As dúas grandes paixóns de Groba
Na liña da primeira edición, o novo festival volverá unir as dúas grandes paixóns do mestre Groba: a composición e a educación de novos valores musicais. Para iso, realizaranse concertos diarios no Auditorio Municipal de Ponteareas, ás 21 horas, nos que se interpretarán diversas composicións de Rogelio Grobra e doutros compositores da música clásica universal, a cargo de sobranceiros artistas internacionais e de músicos galegos de ampla experiencia e traxectoria.
A Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, volverá ser, un ano máis, a orquestra en residencia dun festival que, xunto cos concertos, ofrecerá tamén clases maxistrais e obradoiros de formación para ampliar a formación musical dos estudantes. Estas actividades, igual cós concertos, serán de balde e poden consultarse na páxina web www.festivalgroba.com.