Nova: Caldas de Reis estréase como sede de PortAmérica con 32 artistas en concerto e 30 chefs no showrocking
27/06/2017
Caldas de Reis estréase como sede de PortAmérica con 32 artistas en concerto e 30 chefs no showrocking
O festival, promovido por Esmerarte, celebra a súa sexta edición do 13 ao 15 de xullo incorporado á programación do CulturaQuente
Iván Ferreiro, Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, Leiva, Carlos Jean, Niños Mutantes ou Igloo son algúns dos protagonistas desta edición
O encontro foi adxudicatario nos últimos anos dunha subvención por parte da Consellería de Educación a través da Agadic
Vigo, 27 de xuño de 2017.- A sexta edición do festival de música e gastronomía PortAmérica presentou hoxe en Vigo a súa programación completa e o seu novo emprazamento en Caldas de Reis, onde despregará do 13 ao 15 de xullo unha carteleira de concertos con 32 artistas de 10 países, o apartado showrocking no que participan 30 chefs e demais actividades.
O evento, organizado pola empresa galega Esmerarte Producións, contará, entre outros, cos directos de moitos nomes importantes do panorama latinoamericano, español e galego, tales como Iván Ferreiro, Carlos Sadness, Triángulo de Amor Bizarro, Kase.O, Novedades Carminha, Carlos Jean, Leiva, Xoel López, Igloo, Yall, Leiva, DePedro, Niños Mutantes, Instituto Mexicano del Sonido, Orkesta Mendoza, Quique González ou Say my Name.
O programa do festival deste ano foi debullado en rolda de prensa polos seus promotores, xunto con representantes das institucións e firmas comerciais que o apoian. Tamén participou no acto Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organismo que vén subvencionando a celebración de PortAmérica nos últimos anos dentro da súa liña de axudas a festivais galegos de música, convocatoria actualmente en proceso de resolución.
PortAmérica, que naceu en 2012 no polígono Porto do Molle de Nigrán, trasládase este ano a Caldas de Reis, para ocupar a carballeira da vila e a zona fluvial anexa. Alí desenvolverá a súa sexta edición, de xeito sustentable co medio e integrado co CulturaQuente, outro dos proxectos culturais auspiciados por Esmerarte, que se estende do 1 ao 16 de xullo.
Valor de marca
Neste sentido, o director da Agadic salientou o valor da marca PortAmérica, que muda de situación pero segue a ser recoñecible pola súa esencia e polos seus trazos diferenciadores. Ademais da calidade do seu cartel, a atención destacada ao apartado gastronómico liderado pola Estrela Michelín Pepe Solla (e que este ano integran 30 cociñeros que suman 10 Estrelas Michelín, entre eles Diego Guerrero, Roberto Ruiz, María Fernández, Javier Estévez, Javier Olleros, Yayo Daporta, Iván Domínguez, Julio Sotomayor, Daniel Guzmán, Edgar Núñez, Estanis Carenzo, Lucía Freitas, Diego López, Álvaro Villasante, Iago Pazos, Alberto Lareo, Jorge Gago...), o Mercado de Talentos que amosa os traballos de creadores e deseñadores ou a zona especial de acampada coñecida como glamping son partes identificadoras de PortAmérica que continuarán como eixos do encontro.
“Esta circunstancia, este cambio de situación mantendo os trazos dun evento xa por todos coñecido, ábrenos tamén un novo mundo de posibilidades para os mellores festivais galegos: o do valor da marca que xeran e da súa personalidade propia máis alá da súa asociación a un tempo e a un espazo concretos. Así, PortAmérica está xa no noso imaxinario, coas súas fortalezas específicas e coa súa pegada de calidade, independentemente do seu lugar de celebración”, asegurou Jacobo Sutil.
Os distintos tipos de abonos e entradas para PortAmérica 2017 están dispoñibles a través da plataforma dixital www.ticketea.com e noutros seis puntos físicos de venda: Discos Elepé (Vigo), Bullit Store (Pontevedra), A Reixa Tenda (Santiago de Compostela), Peggy Records (Ourense), Discos Portobello (A Coruña) e Cervecería 5 Jotas (Caldas de Reis).
Este e outros festivais, na Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal/gl/axenda e máis información de PortAmérica: http://portamerica.es/