Nova: Os mundos de Carlos Casares chega á Coruña
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
28/06/2017
Os mundos de Carlos Casares chega á Coruña
A exposición central das Letras Galegas 2017 fará parada ata o 23 de xullo na sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza
A Coruña, 28 de xuño de 2017.- ‘Os mundos de Carlos Casares’, exposición central das Letras Galegas 2017, chega hoxe da man da Fundación Carlos Casares e co apoio, entroutros, da Consellería de Cultura -por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- á cidade da Coruña para facer parada ata o vindeiro 23 de xullo na Fundación Pedro Barrié de la Maza.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á tarde no acto de apertura e destacou na súa intervención que “é unha mostra que nos fala de Carlos Casares, a quen lle rendemos este ano xusta homenaxe, pero fálanos tamén de nós mesmos e da nosa historia recente, porque Carlos participou activamente nos enormes cambios no status da lingua galega, literarios, culturais, sociais e políticos que nos trouxeron desde a Galicia do franquismo á Galicia democrática do século XXI”. “E sobre todo faino dunha maneira moi visual, poñendo ante nós obxectos -como libros, un cinematógrafo, cartas, unha maqueta ou unha máquina de escribir- que lle pertenceron a Casares, pero que tamén lle pertencen ao seu tempo, un tempo próximo que explica o que somos hoxe”, concluíu.
Participaron tamén na inaguración o administrador e o secretario –ademais de comisario da mostra- da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares e Gustavo Adolfo Garrido, respectivamente
Un percorrido polo universo de Casares
‘Os mundos de Carlos Casares’ é un proxecto itinerante impulsado pola Fundación Carlos Casares, pola Xunta de Galicia, polos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña que está a percorrer Galicia durante este ano, que ten como anfitrión das Letras Galegas o escritor ourensán.
Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario do autor ourensán, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes.
Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permiten debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira a ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que convida a revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares que aspira a conectar coas xeracións máis novas.
Itinerancia nas catro provincias
Logo da súa apertura en Ourense, no mes de abril, a exposición chegou á capital de Galicia, e tras o seu paso pola cidade herculina, incluirá na súa itinerancia ata final de ano paradas en Ribeira, Arzúa, Vigo e Xinzo de Limia, así como noutros puntos da xeografía das catro provincias galegas. Toda a información ao respecto está dispoñible no web www.fundacioncarloscasares.org.
Casares, anfitrión das Letras Galegas 2017
Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Para o narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, o que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.
Para alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega.