Nova: O prestixioso programa EAVE de produtores audiovisuais celebrará en Santiago un dos seus talleres
30/06/2017
O prestixioso programa EAVE de produtores audiovisuais celebrará en Santiago un dos seus talleres
Ábrese ata o 1 de setembro o prazo para solicitar a participación na edición de 2018, que se desenvolverá en marzo en Luxemburgo, en xuño en Stavanger (Noruega) e en outubro en Compostela
Dirixido a produtores en activo da industria cinematográfica e televisiva, os seus graduados pasan a formar parte dunha rede profesional europea e benefícianse das alianzas desta iniciativa con diferentes festivais e mercados internacionais
Santiago, 30 de xuño de 2017.- Santiago de Compostela será o ano que vén unha das tres sedes do prestixioso Taller de Produtores do programa EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs), iniciativa pioneira en Europa no ámbito da formación para estes profesionais da industria cinematográfica e televisiva. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con este encontro para o desenvolvemento en Galicia do terceiro e último taller de 2018, que terá lugar en outubro tras pasar por Luxemburgo en marzo e por Stavanger (Noruega) en xuño.
A organización mantén aberto ata o 1 de setembro a través do seu web o prazo de solicitude deste curso, para o que cada ano son seleccionados medio cento de participantes, preferentemente produtores en activo, tanto de ficción como de documentais, con interese en ampliar os seus coñecementos sobre a produción e a coprodución no ámbito da UE, así como en formar parte da súa rede profesional europea. Os talleres ábrense tamén a outros representantes da industria, relacionados con fondos de axuda, asesoramento legal, procura de financiamento, festivais e mercados.
Moitos dos participantes no Taller de Produtores do EAVE acoden ao curso con proxectos, que comezan a pór en marcha durante as diferentes residencias, dunha semana de duración cada unha delas. Así, nos dous primeiros talleres, o alumnado traballará en grupos liderados por produtores con experiencia e con diferentes expertos en análise de guión, desenvolvemento, financiamento, aspectos legais da coprodución, marketing e preparación de pitchings, entre outros aspectos.
Achegamento á industria galega
Xa na última das citas, que terá lugar en Santiago en outubro, sumaranse aos participantes entre 50 e 60 Decision Makers europeos (responsables da busca de proxectos ou commissioning editors, de fondos nacionais e rexionais, axentes de vendas, etc.) para discutir os proxectos, compañías e carreiras do alumnado. A través da colaboración coa Agadic, estes profesionais entrarán en contacto coa industria audiovisual galega, ao tempo que os produtores galegos terán a oportunidade de se achegar a esta rede profesional e, en consecuencia, de reforzar conexións coa industria europea.
Fundado en 1988, o EAVE traballa cun circuíto internacional de socios en toda Europa, Rusia, América Latina, Asia e África. O seu obxectivo é facilitarlles unha formación de alto nivel e oportunidades de coprodución europea a produtores de todo o mundo. Ademais, os seus graduados pasan a formar parte dunha prestixiosa rede profesional europea e benefícianse das alianzas desta iniciativa con diferentes festivais e mercados internacionais.