Nova: O MerzaPercusión converte os pendellos de Agolada en espazos de encontro musical

04/07/2017

O MerzaPercusión converte os pendellos de Agolada en espazos de encontro musical

O municipio pontevedrés acollerá do 30 de xullo ao 2 de agosto a 12ª edición do festival e, entre o 12 e o 16 de xullo, o Campamento Agolada Musical 3.0

Odaiko, LAR Legido, Abraham Cupeiro e Zoar Ensemble son algúns dos grupos e dos profesionais que participan nas actividades, dirixidas a alumnado de música

O secretario xeral de Cultura referiuse ás iniciativas como “unha oportunidade para a aprendizaxe, para a convivencia e para o intercambio de experiencias no ámbito musical”

  • Imaxe MerzaPercusión do 2016

Agolada (Pontevedra), 4 de xullo de 2017.- O Campamento Agolada Musical 3.0 e o Festival Internacional MerzaPercusión celebran unha nova edición no concello pontevedrés de Agolada do 12 ao 16 de xullo, e do 30 de xullo ao 2 de agosto, respectivamente. Estas dúas iniciativas constitúen “unha oportunidade para o encontro, para a aprendizaxe e para a convivencia e o intercambio de experiencias no ámbito musical”, segundo afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación dos programas.

“O verán –precisou– é unha época idónea para abordar o traballo desde outras dinámicas e fóra das rutinas habituais, e na Agolada ábrense estas dúas oportunidades para os máis novos, no Campamento Agolada e no MerzaPercusión”. Este último evento, organizado pola Asociación Cultural Agolada Crea, vaise desenvolver, ademais, “nun espazo patrimonial moi singular e inspirador, Os Pendellos; un conxunto arquitectónico de enorme valor social, histórico, cultural e agora tamén musical”, afirmou.

Estudar, compartir, crear e convivir

“Desde a Secretaría Xeral de Cultura –asegurou– animamos a toda a xente moza a que se apunte a estas ofertas de lecer, que son unha maneira de conxugar o estudo da música coa esencia de crear e compartir en grupo, e, ao mesmo tempo, unha ocasión para facer amigos, convivir, aprender e compartir experiencias fóra dos horarios e dos lugares habituais do resto do ano”.

Finalmente, felicitou os organizadores por “ir logrando que cada ano estas iniciativas vaian gañando en calidade e en incorporar músicos de referencia cos que as rapazas e rapaces van ter a oportunidade de dialogar e coñecer de preto”.

Rafael Agulló e Juan Collazo son os directores artísticos do campamento e do festival, respectivamente. Ambos os dous participaron na presentación xunto co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, e co concelleiro de Cultura, Alberto Vilariño.

Festival Internacional MerzaPercusión

Os pendellos de Agolada converteranse do 30 de xullo ao 2 de agosto en salas de estudio e ensaio, en espazos de formación e de convivencia entre mozos e mozas, así como en espazos escénicos nos que artistas de recoñecido prestixio amosarán as súas creacións. Esta décimo segunda edición contará cos grupos In Situ (Bruxelas), Tópico de Grelos (Galicia), ensemble de percusión da OJEX (Estremadura), Perku-Tar Project (Zaragoza), Mbira-Duo (Ámsterdam), Píscore (Galicia) e Legido Performance (Valladolid).

Da formación encargaranse os profesores Irene Rodríguez, Marina Quilez, Noé Rodrigo, Víctor Segura, Simón Florín, Pablo Paz, Francisco Escalante, Andrés Rivero, Carlos Vázquez Maní e LAR Legido, que desenvolverán actividades de especialización musical a través de métodos innovadores, co fin de mellorar a formación do alumnado e fomentar a creatividade e a participación dos estudantes de música de entre 10 e 20 anos que asistirán ao festival.

Campamento Musical Agolada 3.0

Parte da programación do festival tamén se desenvolverá na praza do Concello, nas rúas e no CEIP Agolada. O centro educativo tamén será a sede do Campamento Musical 3.0, unha iniciativa singular en canto a formato, estilo e obxectivos educativos e musicais, que está enfocado como un curso de música dirixido a participantes de entre 10 e 20 anos, no que se compaxina a aprendizaxe ou perfeccionamento do instrumento con actividades ao aire libre.

Clases instrumentais, actividades lúdicas, deportivas e medioambientais, xunto con actividades musicais de banda e concertos abertos ao público conforman o programa do campamento, que inclúe as especialidades de vento-madeira, vento-metal, percusión e corda. Ademais, haberá actividades de ensemble de nova creación, aula de auditiva e ensemble moderno, expresión corporal e presenza escénica, entre outras.

A formación correrá a cargo de Zoar Ensemble, Big Brass Ensemble, Rafael Agulló (director da banda sinfónica), Abraham Cupeiro (dirección da agrupación moderna), Odaiko (percusión), LAR Legido (ensemble de nova creación), Nastasia Zürcher (aula auditiva e ensemble coral moderno) e Fredi Muíño (expresión corporal e presenza escénica).

Favorecer as relacións interpersoais, adquirir novos recursos musicais para aplicar no instrumento, desenvolver a audición e a concentración mediante o traballo musical en grupo, proporcionar un ambiente diferente en contacto directo coa natureza, coa música e co deporte, fomentando un lecer educativo e san, son algúns dos obxectivos destas dúas iniciativas que contan coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Comparte