Nova: O Curso de Pensamento Carlos Gurméndez analiza un século de imaxes na comunicación, arte e sociedade

05/07/2017

O Curso de Pensamento Carlos Gurméndez analiza un século de imaxes na comunicación, arte e sociedade

Ata o 7 de xullo, destacados especialistas e profesionais da comunicación participan neste curso promovido polo Club de Prensa de Ferrol co apoio da Consellería de Cultura e mais da Universidade e da Deputación da Coruña

  • Anxo Lorenzo no acto de apertura do curso Anxo Lorenzo no acto de apertura do curso

Ferrol, 5 de xullo de 2017.- O Curso de pensamento Carlos Gurméndez celebra a súa vixésima edición cun programa centrado na imaxe, que se desenvolve desde hoxe e ata o próximo 7 de xullo no campus ferrolán de Esteiro, da Universidade da Coruña. No acto de apertura do curso, esta mañá, o secretario xeral de Cultura felicitou o Club de Prensa de Ferrol polos 20 anos dunha “iniciativa consolidada e de destacado interese para o desenvolvemento intelectual da nosa comunidade”, ademais de poñer en valor as personalidades do ámbito cultural e académico que participaron ao longo das dúas décadas de traxectoria do curso.

O curso está dirixido e coordinado por Alberto Sucasas e Esperanza Piñeiro, respectivamente, que tamén asistiron ao acto de apertura, xunto coa vicerreitora do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña, Araceli Torres; e Germán Castro, presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol.

Un século de imaxes
Baixo o título ‘Un século de imaxes. Comunicación, arte e sociedade’, o curso iniciou esta mañá o programa tras o acto de apertura oficial cunha presentación e proxección do vídeo sobre as 25 edicións do premio anual de fotoxornalismo Galicia en Foco –convocado polo Club de Prensa de Ferrol–, a cargo de Miguel García Corral.

A primeira xornada complétase coa intervención do fotógrafo galego Xurxo Lobato sobre a linguaxe da fotografía, xunto co relatorio ‘Entre a experimentación estética e a política: reescrituras da retórica visual fascista no filme de montaxe’, a cargo de Annalisa Mirizio (Universidade de Barcelona), e a presentación e proxección de Pessoa/Lisboa, co Alberto Ruiz de Samaniego, da Universidade de Vigo.

Patxi Lanceros, da Universidade de Deusto; Luis Alberto Cuencia, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas; os xornalistas Carlos Hernández e Dani Rocha; Alberto Sucasas, da Universidade da Coruña; Santiago Fillol, da Universidade de Barcelona; a produtora de cine Chelo Loureiro e Jesús González Requena, da Universidade Complutense de Madrid participarán tamén no curso ata o próximo día 7 para abordar a violencia na televisión, a arte no século XX, a teoría do paciente espectador ou a imaxe da muller no cinema español.

O Club de Prensa de Ferrol promove este curso co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial da Coruña e da Universidade da Coruña.

Comparte