Nova: Cultura divulga mediante tres xornadas de portas abertas os segredos da restauración da igrexa de Nogueira de Miño

11/07/2017

Cultura divulga mediante tres xornadas de portas abertas os segredos da restauración da igrexa de Nogueira de Miño

Leva investidos neste templo desde 2012 preto de 130.000 euros na restauración e posta en valor deste ben sobranceiro do patrimonio chantadino
 

Lugo, 11 de xullo de 2017.- A Xunta realizará os vindeiros 12, 13 e 14 de xullo tres xornadas de portas abertas para divulgar e compartir co público interesado os traballos que se teñen levado a cabo na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. As restauradoras a cargo da intervención estarán a disposición dos asistentes para explicar o proceso de rehabilitación dos frescos, falando das capas pictóricas subxacentes que se atoparon e doutros aspectos curiosos relacionados coa plástica do templo.

A actual restauración do retablo e das pinturas do presbiterio de Santa María de Nogueira concluirá a finais do presente mes de xullo. Estas obras foron contratadas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e contan cun investimento de 52.584,23 euros.

A Consellería de Cultura e Educación leva investidos neste templo durante os últimos 5 anos preto de 130.000 euros na restauración e posta en valor deste ben sobranceiro. En concreto, actuouse na restauración das pinturas murais dos muros norte e sur, nos anos 2012 e 2014 respectivamente, e na recuperación integral da cabeceira, que inclúe as pinturas murais e o retablo, nos anos 2016 e 2017.

Coas distintas actuacións, as necesidades que se pretenderon cubrir foron a restauración integral dos paramentos, rescatando a súa lectura eliminando capas de repintes e dándolle continuidade ao programa iconográfico representado polo recoñecido artista o Mestre de Nogueira; así como recuperar os retablos do inmoble, co que se acada a restauración dos valores do ben cultural tanto nos aspectos estruturais como polícromos.

As xornadas desenvolveranse na propia igrexa a día 12 (de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 21,00 h.) e o 13 e 14 de xullo, en horario de mañá, de 9,00 a 14,00 h. Durante estes días estarase traballando no conxunto das imaxes barrocas do retablo maior, podéndose observar os procesos de restauración e comentar os pormenores do traballo.

Un ben singular no corazón de Galicia

O templo constrúese baixo a xurisdición do mosteiro de San Salvador de Asma a finais do século XII e sitúase estilisticamente nun románico de transición. Posúe unha planta rectangular con ábsida cadrada e cuberta de tella a dúas augas. A ábsida ten un arco triunfal de medio punto, columnas adosadas e capiteis con decoración variada. Da súa fábrica románica chegaron ata a actualidade a nave e a devandita ábsida. No século XVIII refórmase a igrexa construíndo unha nova fachada barroca na que se inclúe o antigo rosetón e elévase a torre do campanario. O conxunto mural ocupa todos os paramentos da igrexa, e nel se trata o tema do Xuízo Final, a Resurrección, a Oración no Horto e o Prendemento de Xesús.
 

Comparte