Nova: Agadic apoia a produción de 12 novos filmes
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/07/2017
Agadic apoia a produción de 12 novos filmes
Destina dous millóns de euros á subvención de catro longametraxes de ficción, outras catro documentais, unha de animación, dúas series para televisión e unha curtametraxe
Filmika Galaika, La Ley del Plomo, Agallas Films, Vaca Films, Agallas, Socialdocs, Frida Films, Matriuska, Xosé Manuel Zapata, Zenit Televisión e Portocabo TV son as produtoras adxudicatarias
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe no seu web a adxudicación de distintas contías de axuda a 11 empresas audiovisuais galegas para a produción dos seus novos traballos para cinema e televisión. A través desta convocatoria, dotada con 2 millóns de euros e dirixida especificamente a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, subvenciónanse en concreto 12 novos títulos: catro longametraxes de ficción, outras catro documentais, unha de animación, dúas series para televisión e unha curtametraxe.
Na modalidade de longas de ficción, a produtora Filmika Galaika percibirá 260.000 euros para Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, un dos catro proxectos seleccionados para o programa de residencias do Festival de San Sebastián, mentres que a Agrupación de Interese Económico (AIE) La Ley del Plomo contará con 240.000 euros para o seu proxecto presentado baixo o título homónimo e que comeza estes días a rodaxe como La sombra da lei, con Dani de la Torre na dirección e Luís Tosar como protagonista. Apóiase tamén con 240.000 euros O Santa Isabel, a próxima película de Paula Cons presentada por Agallas Films, baseada na historia do naufraxio na Ría de Arousa en 1921 do buque-correo que viaxaba entre Bilbao e Bos Aires. A mesma contía recibirá Vaca Films Studio para Quen a ferro mata, primeira longa de Paco Plaza, con guión de Juan Galiñanes.
Documentais e animación
No apartado de documental, seleccionáronse outros catro títulos: Tomás Fábregas. Romper fronteiras (45.000 euros), presentado por Socialdocs, A loita (60.000 euros), de Agallas Films, Gallo (60.000 euros), de Frida Films; e A media voz (outros 60.000), de Matriuska Producciones.
En canto ao formato de animación, a Agadic achegará 260.000 euros para a produción a cargo de Abano Producións de Unicorn Wars, a segunda longametraxe do coruñés Alberto Vázquez, gañador de dous Goyas este ano por Psiconautas e Decorado.
No ámbito da pequena pantalla, a miniserie de Zenit Televisión Elisa e Marcela, con dirección de Isabel Coixet, contará con 240.000 euros para abordar a historia do primeiro casamento homosexual que tivo lugar en España (concretamente, na Coruña hai 116 anos); e Auga seca, serie de seis capítulos que Portocabo TV coproducirá con Portugal e para a que terá unha axuda de 260.000 euros.
Completa a relación de proxectos subvencionados a curtametraxe de Xosé Manuel Zapata The Monkey, adxudicataria de 15.000 euros.
A resolución desta convocatoria pode consultarse no apartado de Axudas da páxina web da Agadic.