Nova: O Paseo Literario Carlos Casares en Vigo contará con placas informativas
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/07/2017
O Paseo Literario Carlos Casares en Vigo contará con placas informativas
Patrimonio autoriza a súa instalación en nove inmobles recollidos no ámbito do Plan especial e catálogo complementario de edificios, conxuntos e elementos a conservar
Vigo, 14 de xullo de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de dar o visto e prace á solicitude do Concello de Vigo para a instalación de placas nos 9 edificios que conformarán o Paseo Literario Carlos Casares na cidade.
Así, a resolución, asinada o pasado 5 de xullo, recolle que o proxecto para o cal o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra. Segundo argumenta, trátase dun tipo de intervención no contemplada na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia nin nas normativas do PEEC, que regula os rótulos comerciais máis non placas conmemorativas coma as que se van a instalar. Neste caso, considerase unha actuación de valorización por canto está vinculada a un persoeiro da cultura galega.
O Paseo Literario Carlos Casares inclúe varios edificios recollidos no ámbito do Plan especial e catálogo complementario de edificios, conxuntos e elementos a conservar do Concello de Vigo e por tanto do patrimonio cultural de Galicia. Entre eles figuran os inmobles de Reconquista 1, Compostela 4, Urzáiz 18, Oporto 1 (con protección estrutural) e Praza da Princesa 2 (catalogado no PEPRI Casco Vello co nivel de protección integral). Outro dos edificios incluídos no paseo é o do instituto San Tomé de Freixeiro.
As placas a instalar teñen unhas dimensións de 20x25 centímetros en aceiro inoxidable e colocaríanse con adhesivos que permitan a retirada sen afectar á pedra. Nelas se incluirá a denominación do Paseo, a identificación da parada e un código QR para acceder a información, ademais da identificación e logos dos promotores do paseo.