Nova: O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico celebra a súa undécima edición
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
17/07/2017
O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico celebra a súa undécima edición
O prazo para a presentación de orixinais remata o vindeiro 24 de setembro
As obras finalistas do concurso, dotado con 6000 euros, emitiranse na RG e serán publicadas nun libro-CD
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2016.- A Radio Galega, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, pon en marcha a undécima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Ata o 24 de setembro estará aberto o prazo de presentación de orixinais para participar no certame, cuxas bases se poden consultar nas webs crtvg.gal e cultura.gal.
A presentación da nova edición tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, a cargo da xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao; da directora do Diario Cultural, Ana Romaní; e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou o interese do certame para a procura de novas formas de diálogo entre a dramaturxia e o medio radiofónico, así como para “a creación de paisaxes sonoras contemporáneas coas que introducir os oíntes neste xénero”.
O xurado do Premio de Teatro Radiofónico, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada co Premio do Xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o premio do público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros.
O libro-disco do certame, en libraria.xunta.gal
Coincidindo coa apertura da nova convocatoria, tamén se presentou o libro-CD coas obras finalistas da décima edición do premio, que está dispoñible na web da Libraría Institucional da Xunta de Galicia, en libraria.xunta.gal, tanto en formato electrónico para descarga como na versión impresa, que se pode solicitar co pago unicamente dos gastos de envío.
A publicación inclúe os textos “O quinto inverno”, de Eva Ferreira, premio do xurado; “Un bo final”, de Carolina Alba Castro, premio da audiencia; e as obras finalistas “Punto de vista”, de Avelina Pérez, e “Veos”, de Ana Carreira. As catro obras emitíronse na Radio Galega o ano pasado, con adaptación radiofónica de Marta Pazos. Melania Cruz, María Roja, Ricardo de Barreiro, Gena Baamonde e Chelo do Rejo foron os encargados de interpretar as obras, que contaron coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
O volume é o décimo da serie do premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que publicou ata o momento un total de 37 obras inéditas. Dezanove autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais, entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción, participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión.