Nova: Cultura apoia a Academia de Belas Artes para levar a cabo actividades de investigación e divulgación
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
19/07/2017
Cultura apoia a Academia de Belas Artes para levar a cabo actividades de investigación e divulgación
A consellería aporta 40.000 euros para a realización de traballos vinculados ao patrimonio cultural
Un dos proxectos máis salientables da colaboración da Xunta con esta entidade é a exposición sobre o Mestre Mateo, no Museo do Prado, a primeira dedicada a un autor galego na pinacoteca nacional
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mailo presidente da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo, asinaron esta mañá o convenio polo cal a consellería financia con 40.000 euros o desenvolvemento de actividades de investigación e divulgación do patrimonio cultural galego.
A consellería e a Real Academia de Belas Artes reforzan así unha estreita colaboración que está resultando clave para a internacionalización do noso prestixio patrimonial. Un exemplo deses froitos é a exposición sobre o Mestre Mateo que puido visitarse no Museo do Prado, a primeira exposición que a pinacoteca nacional dedica a un autor galego.
A Real Academia de Belas Artes -asociada ao Instituto de España- posúe un importante fondo documental, bibliográfico e artístico en constante crecemento e que, por tanto, obriga a un proceso de catalogación permanente. De feito, debido á crecente demanda de consultas de fondos e documentación tanto por parte de institucións públicas como privadas, a entidade debe actualizar os labores de conservación, catalogación, estudo e difusión do patrimonio cultural.
Este convenio de colaboración pretende dar resposta a esta demanda da academia, co fin de facilitar a realización de estudos e os procesos de investigación orientados á protección e conservación do dito patrimonio.
Deste xeito, o Goberno galego -a través da Consellería de Cultura e Educación- financiará unha serie de actividades ao respecto como a catalogación de fondos académicos e inventario; o equipamento informático para catalogación, arquivo e administración; e os labores de conservación, mantemento e protección do patrimonio artístico académico. Tamén se financiará a celebración de actos divulgativos de índole académica, eventos culturais, conferencias, cursos e exposicións; e mantemento da páxina web, entre outros.
Á Real Academia de Belas Artes correspóndelle contratar os medios humanos, técnicos e materiais necesarios para levar a cabo todas estas actividades financiadas con cargo ao convenio asinado hoxe.