Nova: A execución das propostas do Mapa de Bibliotecas de Galicia mellorará os servizos que prestan

19/07/2017

A execución das propostas do Mapa de Bibliotecas de Galicia mellorará os servizos que prestan

A plataforma GaliciaLe para o préstamo en liña de libros electrónicos incorporou ao seu catálogo máis de 500 obras en 2016. Nese ano realizáronse 14.128 préstamos, un 6,8% máis que en 2015

 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2016.- O Consello de Cooperación Bibliotecaria reuniuse na Cidade da Cultura de Galicia, nunha xuntanza na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou as novas actuacións promovidas polo Goberno galego a prol da mellora da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Segundo explicou, co fin de desenvolver as propostas recollidas nas conclusións do Mapa de Bibliotecas de Galicia, aprobado en 2016, a Consellería de Cultura e Educación iniciou dous estudos para afondar na situación actual dos servizos bibliotecarios dos concellos. Por unha banda, estase a analizar a situación de municipios que contan con máis dun punto de servizo bibliotecario. O estudo permitirá coñecer o estado e as necesidades específicas de cada un dos centros que forman parte destas redes municipais, xa que ata o de agora só se dispoñía de datos agrupados por municipio. O segundo traballo que está a iniciar a Consellería de Cultura e Educación céntrase naquelas localidades que non dispoñen actualmente de servizo bibliotecario.

Ambos os estudos permitirán realizar unha diagnose da situación dos municipios analizados, co fin de planificar unha estratexia con propostas de actuación específicas para cada caso, que redunden na mellora do conxunto da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Novo marco normativo para o depósito legal



Durante o encontro, Anxo Lorenzo tamén presentou o primeiro borrador do anteproxecto de Decreto polo que se regula a xestión do depósito legal na Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo explicou, coa entrada en vigor da regulación normativa estatal en 2011 facíase necesario modificar o Decreto 43/2001 de refundición da normativa en materia do depósito legal, para a súa adaptación ás novas realidades e á nova normativa que as regula. Así, a entrada na era dixital xa recollida no desenvolvemento normativo para o depósito legal no ámbito estatal tamén queda reflectida na regulación autonómica desta materia.

Comparte