Nova: Patrimonio dá luz verde as actuacións para a conservación das ruínas de Villa Solita

27/07/2017

Patrimonio dá luz verde as actuacións para a conservación das ruínas de Villa Solita

Autoriza a corrección de patoloxías, consolidación e accesibilidade na casa indiana por tratarse de intervencións de mantemento e posta en valor dun inmoble

Trátase dunha actuación nun edificio catalogado no planeamento municipal e por tanto do patrimonio cultural de Galicia

 

Vigo, 27 de xullo de 2017.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de autorizar a corrección de patoloxías, consolidación e accesibilidade á Villa Solita en Alcabre por tratarse de actuacións de conservación e mantemento dun inmoble consolidando o seu actual estado, co obxectivo de facelo visitable e permitir o seu uso público.

Trátase dunha actuación nun edificio catalogado no planeamento municipal e, por tanto, do patrimonio cultural de Galicia. Figura recollido no Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2008 (hoxe anulado) cun grado de catalogación estrutural.

A resolución, asinada o 26 de xullo, recolle que o proxecto para o que o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra.

A proposta do Concello contempla ademais de actuacións para a conservación das ruínas existentes, unha intervención mínima para proporcionar accesibilidade e posta en valor á casa indiana e a súa integración no espazo público existente.

Entre as medidas as que o Concello de Vigo fai referencia no proxecto básico consta a retirada de elementos que se atopan en mal estado ou presentan corrosión, a limpeza da vexetación e muros, a recolocación das pezas desprazadas e recuperadas no terreo en muros e pórticos e a reconstrución e impermeabilización dos forxados. Ademais, figura a recuperación, limpeza e recolocación dos pavimentos existentes na zona porticada principal e dos percorridos accesibles do interior e a incorporación de elementos estruturais para mellorar a accesibilidade. Por último, contémplanse a instalación de luminarias cun efecto disuasorio antivandálico e de posta en valor da edificación.

Desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considéranse todas estas actuacións, maiormente reversibles, compatibles coas autorizables en elementos catalogados cun grado de protección estrutural, permitindo unha lectura clara e diferenciada das intervencións actuais respecto dos elementos orixinais da edificación.

 

Comparte