Nova: A Casa Matanza de Rosalía de Castro acometerá melloras nos seus anexos

29/07/2017

A Casa Matanza de Rosalía de Castro acometerá melloras nos seus anexos

O conselleiro de Cultura e o presidente da Fundación Rosalía de Castro veñen de asinar un convenio polo cal o Goberno autonómico achega 120.000 euros para realizar diversas actuacións de acondicionamento e reforma

Con esta intervención búscase que tanto as actividades da fundación como as visitas á casa poidan desenvolverse nas mellores circunstancias posibles

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron o convenio O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron o convenio
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron o convenio O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron o convenio

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, veñen de firmar un convenio de colaboración para realizar diversas actuacións de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa-Museo. Con estas intervencións búscase que tanto as actividades da Fundación como as visitas á Casa poidan desenvolverse nas mellores circunstancias posibles. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, inviste neste proxecto 120.000 euros, distribuídos de xeito alícuota durante as anualidades de 2017 e 2018, cun monto para cada período de 60.000 euros.

As actuacións contemplan a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía. En concreto, o reacondicionamento da envolvente exterior, incluídas cubertas e carpinterías exteriores, canalóns e baixantes, do corpo de aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio. Así mesmo, acometerase a reforma da planta baixa da antiga Casa Maruxa Villanueva, para dar acubillo ás novas oficinas da Fundación Rosalía; e a rehabilitación integral dos antigos aseos abandonados como aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.

Programación de actividades



A Xunta de Galicia traballa coas fundacións asociadas a varios autores históricos para manter unha axenda de actividades e de accións que axuden a manter a súa memoria viva. Así, mediante diversos convenios, a Consellería de Cultura e Educación colabora coa Fundación Rosalía de Castro na realización de diferentes actuacións para estudar, divulgar e actualizar a obra e a memoria da poetisa.

Entre as actividades concretas realizadas destacan a celebración dun festival de lectura para conmemorar o Día do Libro, as actividades do Maio Rosaliano e as de conmemoración tanto en Iria como en Santiago de Compostela do seu pasamento ou os recitais poéticos asociados á Aula da Diversidade.

Esta colaboración tamén se dirixe a ampliar os fondos bibliográficos da fundación, traballar na recompilación de material e inéditos, potenciar os traballos de investigación ou o envío de libros a centros educativos.

Unha liña de colaboración aberta



No marco de colaboración entre a fundación e a Xunta de Galicia, o Museo de Belas Artes da Coruña, dependente da Consellería de Cultura, acometeu en 2016 a restauración do cadro de Ovidio Murguía Árbore de montaña. Probablemente o lenzo de maior tamaño pintado polo autor. A obra foi adquirida pola Fundación Rosalía de Castro en 2014 e enriquece e completa os fondos desta institución, que non dispuña até ese momento de ningunha peza importante do fillo pintor de Rosalía e Manuel Murguía.

Ademais, a Secretaría Xeral de Cultura tamén colaborou o pasado ano coa restauración do piano da familia, doado por Gala Murguía á agrupación coral Follas Novas da Coruña, e depositado desde o ano pasado de novo na Fundación.Finalmente, desde o Servizo do Sistema de Arquivos, colaborouse na organización, descrición e instalación dos fondos Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló que forman parte do legado documental da Fundación Rosalía.

Entidade de referencia para Galicia



A Fundación Rosalía de Castro nace do Padroado Rosalía de Castro, instituído no ano 1947, e, nun acto celebrado no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela, o 29 de decembro de 1995, institúese como Fundación. Ten a súa sede na Casa da Matanza e é unha organización de interese galego cuxa finalidade é fomentar e difundir a memoria da escritora, conservar o conxunto da Casa-Museo e salvagardar e incrementar o patrimonio rosaliano para que poida ser contemplado e estudado.

Comparte