Nova: A banda Tremiñado (Ponteareas) resultou vencedora no primeiro grao na final da XXVI Liga de Bandas de Gaitas

30/07/2017

A banda Tremiñado (Ponteareas) resultou vencedora no primeiro grao na final da XXVI Liga de Bandas de Gaitas

O conselleiro de Cultura e Educación destacou o papel destas agrupacións como embaixadores de Galicia noutros países e culturas

O presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas puxo en valor este certame como “oportunidade para fixarse novos obxectivos técnicos e interpretativos”

 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, recoñeceu esta tarde o traballo das bandas de gaitas a prol da música popular galega, lembrando que exercen en moitos certames internacionais como embaixadores de Galicia noutros países e culturas. Na Fase Final da XXVI Liga de Gaitas, que se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura, o conselleiro gabou a calidade técnica das doce agrupacións finalistas e destacou a implicación de todos os participantes na protección e transmisión da música tradicional.

A banda Tremiñado (Ponteareas) resultou gañadora na categoría de primeiro grao, a principal das tres divisións nas que se organiza este certame competitivo. O encargado de entregar este galardón, denominado Premio Xunta de Galicia, foi o propio conselleiro de Educación e Cultura, quen reafirmou o compromiso do Goberno galego co apoio ás agrupacións e organizacións como a Federación Galega de Bandas de Gaitas. Así mesmo, lembrou que certames como a Liga Galega de Gaitas representan unha magnífica oportunidade para “garantir a protección e transmisión das nosas orixes e da nosa esencia como pobo”.

O presidente da Federación Galega de Gaitas, Hipólito Cabezas, puxo tamén en valor a importancia deste tipo de eventos que “representan unha oportunidade para que as bandas se fixen novos obxectivos técnicos e interpretativos, unha motivación para continuar nun proceso de esixencia continuo”.

Os vencedores no resto das categorías foron a a Escola de Gaitas Provincial de Pontevedra no segundo grao e a banda de San Xoán de Paramos (Tui) no terceiro grao. Asemade, obtiveron os segundos postos a banda Xuntanza de Cataluña no primeiro grao, Mato Vizoso de Vilalba no segundo grao e Agarimo de Catabois B no terceiro grao. O terceiro posto foi para a banda de Esgos no primeiro grao e para Xuntanza de Cataluña B no terceiro grao.

A Liga Galega de Bandas de Gaitas, que se celebrou por vez primeira no ano 1990, chegou este ano a súa XXVI edición. Nove bandas participaron na Fase Final, en concreto a da Escola de Gaitas Provincial de Pontevedra con sede na cidade do Lérez, Agarimo de Catabois e Agarimo de Catabois (B), Xuntanza de Cataluña e Xuntanza de Cataluña (B), San Xoán de Paramos, Mato Vizoso de Vilalba, Esgos e Tremiñado.

Comparte