Nova: O festival Fetega do Carballiño programará en setembro unha vintena de espectáculos teatrais
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
31/07/2017
O festival Fetega do Carballiño programará en setembro unha vintena de espectáculos teatrais
Esta 28ª edición contará cos últimos traballos de Chévere, Redrum Teatro, Inherente Teatro, Triatreros e Sergio Pazos
O certame obtivo subvención da Consellería de Cultura e Educación a través da convocatoria da Agadic para festivais de artes escénicas
O Carballiño (Ourense), 31 de xullo de 2017.- O Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega) fixo pública hoxe a programación da súa vixésima oitava edición, que do 5 ao 9 de setembro ofrecerá unha vintena de espectáculos e propostas formativas coa produción teatral galega como protagonista. A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente a mostra, que é un dos nove eventos subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais escénicos.
A presentación da carteleira tivo lugar esta mañá en Ourense coa participación dos representantes da organización, dalgunhas das compañías programadas e das entidades patrocinadoras e colaboradoras. Por parte da Agadic, interveu o seu director, Jacobo Sutil, quen definiu o Fetega como “un festival de galegos para galegos, que procura poñer en valor a inmensa calidade dos actores, actrices, directores e traballadores en xeral do sector das artes escénicas na nosa Comunidade”.
Cita veterana
O director da Agadic fixo fincapé na decidida aposta deste encontro polo “teatro do país”, de xeito que, tanto a través da súa programación como dos seus xa tradicionais premios, pon a disposición dos profesionais galegos “unha plataforma de difusión consolidada entre o público e de calidade demostrada nas súas carteleiras”. Jacobo Sutil asegurou tamén que “o Fetega é un dos eventos máis consecuentes na promoción da nosa cultura propia e, tamén, un dos de máis longa traxectoria de cantos teñen lugar en Galicia”, continuou.
O Auditorio Municipal e o anfiteatro exterior do Carballiño acollerán a meirande parte das citas desta 28ª edición, que tamén se estenderá ás rúas da localidade e á Casa da Cultura. O Auditorio acollerá do martes ao sábado os espectáculos Eroski Paraíso, de Chévere (día 5); A canción do elefante, de Redrum Teatro (día 6); Dramaturxia das mulheres, de Inherente Teatro (día 7); Impronews, de Triatreros (día 8); e Afiando con humor, de Sergio Pazos (día 9). Este último será, ademais, o encargado de conducir a gala de clausura e de entrega dos premios Fetega ‘Dorotea Bárcena’ o mesmo sábado.
No anfiteatro terán lugar as representacións de Welcome, de Duelirum (día 5); Lila Star, de Vuletos de Rosca (día 6); Escola de saltimbanquis, de Pistacatro (día7); Nono, de Nono Productions (día 8), e Contigüo, de Compañía IO (día 9). Ademais, Barafunda e Pistacatro serán as formacións encargadas dos espectáculos que animarán as rúas do Carballiño durante todos os días do festival.
Como complemento deste programa de exhibición, o Fetega ofrece o sábado na Casa da Cultura a conferencia Teatro posdramático galego, a cargo de Afonso Becerra de Becerreá; ademais de organizar cadansúa clase maxistral sobre improvisación, impartida por Omar Ferrín, e novas linguaxes escénicas, por Avelina Pérez.