Nova: Apróbase a restauración da Casa dos Cóengos da catedral de Mondoñedo
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
24/08/2017
Apróbase a restauración da Casa dos Cóengos da catedral de Mondoñedo
Ademais, a Consellería de Cultura e Educación licitou as obras de restauración da cuberta e claustro da basílica, co que o investimento no templo mindoniense se elevará por riba do millón de euros
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato para a restauración da Casa dos Cóengos da catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo, unhas obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 6, prioridade de investimento 6.3, obxectivo específico 6.3.1, actuación 6.3.1.1. Segundo pode consultarse neste enlace o importe desta actuación, que conta cun prazo de execución de 6 meses, ascende a 279.854,23 euros.
Cómpre lembrar, ademais, que o departamento de Cultura da Xunta de Galicia vén de publicar a licitación do contrato de obras de restauración da cuberta da catedral e claustro da basílica de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo, en Mondoñedo, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 6; cuxo importe ascende a 809.581,44 euros. Deste xeito, o investimento da Consellería no templo mindoniense elevarase por riba do millón de euros.
Reparacións estruturais
Os traballos na Casa de Cóengos consistirán na consolidación e reforzo dos muros de carga, reposición de revocaduras exteriores e interiores nas zonas deterioradas e reforzo da estrutura horizontal e da estrutura de cuberta. Así mesmo, restaurarase o entaboado de madeira existente, a escaleira e as carpinterías exteriores. Ademais, dotarase o edificio de preinstalación eléctrica.
A Casa dos Cóengos é unha edificación do século XIX forma parte do conxunto catedralicio de Mondoñedo, xunto coa catedral, o pazo episcopal e a horta, configurando unha peza urbana de funcionamento independente dentro do conxunto que, aínda que no seu tempo albergou dependencias para uso dos cóengos, na actualidade está libre e sen uso que se edificou en dúas fases.
Na actualidade presenta problemas de estabilidade estrutural importantes que cómpre resolver para poder dotar ao edifico dun uso viable e sostible que garanta o seu mantemento e conservación futuras, evite a súa deterioración e resolva as patoloxías actuais derivadas da inestabilidade da estrutura.