Nova: Continúa en Pontevedra a filmación da longametraxe La sombra de la ley

25/08/2017

Continúa en Pontevedra a filmación da longametraxe La sombra de la ley

A Agadic apoia con 240.000 euros a nova longametraxe do director Dani de la Torre, protagonizada por Luis Tosar, a través da súa convocatoria de axudas á produción audiovisual

Jacobo Sutil visitou o equipo da película no IES Valle-Inclán, convertido nunha comisaría para este thriller ambientado nos anos vinte

Pontevedra, 25 de agosto de 2017.- O equipo da película La sombra de la ley continúa a súa rodaxe en Galicia, con localizacións en Santiago, A Coruña, Lugo, Monforte de Lemos e Pontevedra. Nesta última cidade filman estes días diferentes escenas da segunda longametraxe do realizador galego Dani de la Torre, quen, tras o éxito de El desconocido, volve contar con Luis Tosar como protagonista.

O filme obtivo unha subvención de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia, a través da última convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que achega dous millóns de euros a 12 novas fitas con participación galega.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, visitou este mediodía o set de filmación instalado no IES Valle-Inclán, convertido nunha comisaría dos anos vinte para acoller esta coprodución hispano-francesa, encabezada por Vaca Films, Atresmedia Cine e La Ley del Plomo AIE.

A rodaxe arrancou o 12 de xullo en Barcelona e trasladouse hai un mes a Galicia como escenario de gran parte deste thriller, que está a contar tamén con numerosos figurantes galegos. Con guión de Patxi Amezcua, a fita inspírase en feitos históricos para reflectir o ambiente de disturbios, gansgsterismo e negocios ilegais da España dos primeiros anos vinte do século pasado.

Luis Tosar dálle vida a Aníbal Uriarte, un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local na localización e detención dos responsables do roubo dun tren militar. Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous y Manolo Solo completan o elenco principal de La sombra de la ley.

Comparte