Nova: O Auditorio de Ourense presenta a súa nova carteleira infantil en colaboración coa Agadic
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
28/08/2017
O Auditorio de Ourense presenta a súa nova carteleira infantil en colaboración coa Agadic
De setembro a decembro acollerá 21 espectáculos para público familiar, 16 deles programados dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como a 14ª edición da Mostra de Teatro Infantil
Ourense, 28 de agosto de 2017.- O Concello de Ourense presentou hoxe a programación infantil do Auditorio Municipal, que entre os meses de setembro e decembro ofrecerá 21 propostas de teatro, música, danza e circo, ademais da décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil (Moti). A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora nesta carteleira a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de distribución de espectáculos xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que cofinancia a súa actividade en colaboración con máis de 40 espazos asociados.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; e o programador cultural do Auditorio Municipal, Manuel Freire. Asistiu tamén a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Sutil sinalou que o Concello ourensán é un dos socios máis activos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, como demostra o feito de que 16 dos 21 espectáculos desta oferta para público infantil e familiar formen parte, así mesmo, da nova programación semestral do circuíto que promove a Xunta de Galicia.
Programación en rede
Destacou igualmente a variedade e calidade desta carteleira en rede, cun gran protagonismo das compañías galegas e dos espectáculos teatrais como PingüíSOS de Lucecús Teatro (17 de setembro), O pequeno señor Paul de Baychimo (24 de setembro), 5 Historias para unha man (8 de outubro) e Vacacións no mar (5 de novembro) de Mircromina, O valo de Culturactiva (15 de outubro), O faiado de Teatro ao Cubo (29 outubro), Os golfiños e o xigante de Fantoches Baj (19 de novembro), Contacreques de Eme 2 (26 de novembro), Planeta Ardora de Trompicallo (3 de decembro), Aguratrat de Pérez&Fernández (10 de decembro) e Pum Pum de Baobab Teatro (29 de decembro).
Tamén haberá espazo para as propostas musicais como Hansel e Gretel de Avento Producións Teatrais (22 de outubro), de novo circo como O apartamento de Cirk About It (1 de outubro) e BB Circus de Asacocirco (3 de novembro), e de danza como Voos de Aracaladanza (17 de decembro) e Zaquizamí de Cía Roberto G. Alonso (28 de decembro).
O director da Agadic felicitou o Concello por esta carteleira, ao tempo que destacou o papel que na creación e consolidación de públicos xogan as programacións especialmente pensadas para os espectadores máis novos, “que nos permitan crear hábitos de consumo cultural desde os primeiros anos e que estes se transmitan de xeración en xeración”, sinalou.
As entradas para todas as funcións inseridas na nova oferta infantil do Auditorio Municipal de Ourense poden adquirirse de xeito anticipado no web www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 e na sala de exposicións de Afundación, así como no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo da representación. O seu prezo é de 3 euros en venda anticipada e de 4 euros en billeteira (agás para a ópera infantil A frauta máxica e o festival Clan en Vivo). Ademais, o Concello habilitou o Bono á Carta para moitas destas citas, cun desconto do 20% pola compra de cinco entradas.