Nova: Cultura apoiará as obras de mellora no auditorio de Escairón

29/08/2017

Cultura apoiará as obras de mellora no auditorio de Escairón

O conselleiro Román Rodríguez asinou un convenio co alcalde do Saviñao co obxectivo de mellorar as instalacións socioculturais neste concello

 

O Saviñao (Lugo), 29 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará con 40.000 euros as obras de acondicionamento e mellora do auditorio de Escairón, no concello lugués do Saviñao, co obxectivo de que os cidadáns dispoñan dunhas instalación socioculturais axeitadas para acoller unha oferta axeitada nesta materia.

O conselleiro Román Rodríguez e mailo alcalde da localidade, Joaquín González, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para levar a cabo esta actuación. Segundo dito acordo, a Consellería financiará con 40.000 euros o acondicionamento do auditorio de Escairón, nun acto no que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. O obxectivo é realizar actuacións de mantemento e reparación tanto dos paramentos como do mobiliario actualmente deteriorados, co fin de garantir o seu axeitado uso público e o desenvolvemento de actividades lúdicas. Pola súa banda, ao Concello -que é o titular do inmoble- correspóndelle realizar todos os trámites pertinentes así como a execución das obras.

O obxectivo principal desta colaboración institucional é que os veciños de Escairón e dos arredores conten cunhas instalacións socioculturais renovadas e axeitadas para o seu uso. Cómpre lembrar que se trata dun equipamento cultural de alta demanda en canto aos seus usos, tanto no que se refire a número de actividades como á diversidade das mesmas, ben sexan artes escénicas ou música entre outras, nun Concello de preto de 4.000 habitantes.

A participación da Xunta nesta iniciativa enmárcase dentro das liñas de actuación da Consellería de Cultura e Educación para garantir unhas infraestruturas de carácter sociocultural en condicións óptimas para o seu uso por parte da cidadanía e, de forma xeral, asegurar o acceso á cultura en igualdade de condicións de todos os galegos e de garantir que estas actuacións respondan ás demandas sociais da poboación.

Comparte