Nova: O festival de Teatro FIOT de Carballo desenvolverá 34 funcións entre o 16 de setembro e o 28 de outubro
01/09/2017
O festival de Teatro FIOT de Carballo desenvolverá 34 funcións entre o 16 de setembro e o 28 de outubro
Esta tarde presentouse a carteleira que se despregará este outono e na que se inclúen tres coproducións do festival, sete estreas absolutas e sete primeiras funcións en Galicia
É un dos 20 encontros apoiados este ano a través da convocatoria pública de axudas da Agadic para festivais profesionais de artes escénicas e de música
Carballo (A Coruña), 1 de setembro de 2017.- O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo desvelou esta tarde a programación da súa vixésimo sexta edición, que do 16 de setembro ao 28 de outubro desenvolverá 34 funcións e numerosas actividades paralelas. A Xunta volve colaborar con esta iniciativa, organizada pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, mediante a convocatoria pública de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais de artes escénicas e de música.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación, onde explicou que o FIOT é unha das 20 citas subvencionadas en 2017 a través desta convocatoria, da que resultaron adxudicatarias outras oito mostras escénicas: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño, Mostra de Teatro Galego de Cariño, Corpo(a)Terra e Festival Internacional de Teatro (FITO) de Ourense, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Galicreques de Santiago e Festiclown de Vilagarcía.
Produción galega
“Con este programa de subvencións, do que o festival de Carballo é adxudicatario en cada nova convocatoria, a Xunta vén apostando desde hai seis anos pola consolidación dun mapa galego de festivais profesionais e, en consecuencia, pola creación de públicos e a dinamización da contratación artística, con especial atención aos espectáculos producidos en Galicia”, asegurou.
Neste sentido, subliñou que esta representación galega ten sempre un gran peso na oferta do FIOT, que nesta vixésimo sexta edición comparte cartel con recoñecidas compañías do resto de España (Cirk About It, Titzina Teatro, Teatro de la Abadía, Feelgood Teatro, Ysarca, Buxman, Kamikaze Producciones, El Pont Flotant e Los Números Imaginarios, entre outras), Bélxica (Okidok) e Reino Unido (Reckless Sleepers en coprodución coa catalá Atresbandes). Entre os nomes galegos, atópanse Quico Cadaval, IlMaquinario Teatro, Contraproducións, Paula Carballeira, David Perdomo, Pepe Capelán, Carta de Ajuste, Marta Lado, Alberte Montes, Aldaolado, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Víctor Grande, Os Fillos do Estramonio, Roberto Alvite e Rebeca Amor, Entretrés, Sal do Teatro, Prácido Domingo, Tukumpas Teatro, Iria Sobrado e Galeatro.
Sutil fixo estas declaracións no transcurso do acto que tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo e no que tamén participaron o alcalde Evencio Ferrero, o presidente da Asociación Telón e Aparte e director do FIOT, Alberto Sueiro, e os representantes do resto das entidades colaboradoras.
Na súa intervención destacou, así mesmo, dúas “interesantes liñas de traballo” do festival, que tamén reflicten o seu compromiso cos profesionais do sector en Galicia. Dunha banda, a implicación do FIOT no proceso de produción de espectáculos, colaborando este ano con tres montaxes, dúas delas galegas e estreas absolutas en Carballo: Fillos do sol, de Contraproducións, e Muiñada, o debut da nova compañía profesional Galeatro.
Novo certame
Mencionou tamén a posta en marcha nesta edición do certame de microteatro Metro Cadrado que, ademais de estender a programación do Festival Internacional Outono de Teatro a outros espazos de Carballo, busca darlle visibilidade a artistas galegos emerxentes na procura de novos formatos e espazos creativos.
Esta nova proposta forma parte da ampla oferta de actividades paralelas do FIOT, que complementan o seu programa de sala no Pazo da Cultura. Este escenario acollerá, ademais, o acto de entrega do premio Xograresa de Outono 2017, que recae na actriz Mónica Caamaño pola súa “intensa e diversa traxectoria profesional e compromiso activo co sector cultural”.