Nova: O Teatro Principal de Ourense acollerá cinco espectáculos escénicos galegos este outono
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
05/09/2017
O Teatro Principal de Ourense acollerá cinco espectáculos escénicos galegos este outono
A través da Agadic apóianse as representacións de teatro galego neste escenario, un dos 44 asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios
A nova programación cuadrimestral do espazo ourensán inclúe grandes nomes da dirección e da interpretación como Albert Boadella, Lola Herrera, Gonzalo de Castro, Yllana, Els Joglars, Ara Malikian ou Cristina Pato
Ourense, 5 de setembro de 2017.- O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a súa nova actividade cuadrimestral, que inclúe ata finais de decembro as representacións de cinco espectáculos escénicos galegos como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) impulsada pola Xunta de Galicia.
En concreto, serán as compañías Producións Teatrais Excéntricas, coa montaxe A cabeza do dragón (29 de outubro); Redrum, con A canción do elefante (25 de novembro); Matrioshka Teatro, con Manawee (28 de decembro); a proposta para bebés Redondo, de Caramuxo Teatro (27 de decembro) e mais a infantil O aloumiño dunha estrela, de Avoa Youja (29 de decembro) as que o Teatro Principal de Ourense incorpora a este circuíto coordinado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do que forman parte un total de 44 escenarios galegos.
Así o sinalou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación levada a cabo en Ourense xunto con Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal. Sutil subliñou que a carteleira presentada reflicte unha intensa actividade, con producións de elevado nivel artístico e montaxes moi variadas e para todos os públicos, que veñen da man das formacións galegas máis destacadas así como de grandes nomes a nivel nacional e internacional. Agradeceu, neste sentido, o compromiso compartido para acadar a máxima difusión das producións galegas.
Éxitos de público
O director da Agadic sinalou tamén a visita da emblemática formación Yllana co espectáculo recompilatorio dos seus 25 anos de traxectoria Lo mejor de Yllana (8 de outubro), programada tamén mediante a RGTA. A compañía madrileña compartirá escenario con nomes e títulos tan coñecidos e que veñen xa avalados polo éxito de público como El sermón del bufón, a cargo de Albert Boadella, que abrirá a carteleira o 21 de setembro; La velocidad del otoño, con interpretación de Lola Herrera e Juanjo Artero (28 de setembro); Idiota, con Gonzalo de Castro e Elisabet Gelabert (30 de setembro), Els Joglars coa obra Zenit (21 de outubro); El Test, con Luis Merlo, Antonio Molero, Maru Valdivielso e Itziar Atienza (4 de novembro), Nada que perder, da compañía Cuarta Pared (2 de decembro) ou La Pavana con Iván y los perros (16 de decembro).
A programación do Principal de Ourense complétase co festival cinematográfico OUFF, a Mostra de Teatro Infantil (MOTI), o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e cos ciclos musicais Voces Femeninas, Xornadas Líricas, TP Blues ou Enclave de Cámara, dentro do que Cristina Pato ofrecerá un concerto ao piano xunto con Nicholas Cord á viola o 14 de decembro, ademais do recital que terá como protagonista ao violinista Ara Malikian o 17 de outubro.