Nova: O Bierzo homenaxea a Antonio Fernández Morales con motivo do bicentenario do seu nacemento

11/09/2017

O Bierzo homenaxea a Antonio Fernández Morales con motivo do bicentenario do seu nacemento

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na sede da RAG na rolda de prensa na que as entidades coorganizadoras deron a coñecer os actos conmemorativos que acollerán Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos esta fin de semana

A exposición Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo porá en valor a figura deste escritor co apoio da Consellería de Cultura

Valentín García destacou a importancia deste territorio galegofalante na promoción do uso da lingua propia de Galicia e recordou que o Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria inicia este curso académico con novos centros escolares adscritos

  • O Museo MARCA de Cacabelos, que acollerá algunhas das sesións O Museo MARCA de Cacabelos, que acollerá algunhas das sesións

A Coruña, 11 de setembro de 2017.- O Bierzo homenaxeará esta fin de semana o seu cantor en galego máis ilustre, Antonio Fernández Morales (1817-1896), con motivo do bicentenario do seu nacemento e farao cun amplo programa de actos en Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos, no marco do Simposio ‘Antonio Fernández Morales: O Cantor do Bierzo’, que hoxe á mañá deron a coñecer as entidades coorganizadoras nunha rolda de prensa que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O titular de Política Lingüística expresou que “esta homenaxe a Fernández Morales debe servir para divulgar o exemplo dun berciano que apostou polo noso idioma e que contribuíu á súa promoción desde este territorio irmán, non menos importante para a visibilización e para o uso do galego que o propio” e recordou que “a Xunta de Galicia traballa para impulsar o Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria, un importante proxecto educativo, cultural e lingüístico que reforza os vencellos históricos existentes entre Galicia e Castela León e que inicia este curso académico cun novo centro adscrito, o CRA Cubillos del Sil, polo que son xa 19 CEIP e IES, ademais da EOI de Ponferrada, os que inclúen na súa oferta docente o galego”.

Na presentación, que se desenvolveu na sede coruñesa da RAG, participaron tamén Víctor Freixanes, presidente desta entidade; Héctor Silveiro, coordinador das xornadas; Ana Carballo, membro da xunta directiva do Instituto de Estudos Bercianos; Gerardo Álvarez, presidente do Consello Comarcal do Bierzo; e José Manuel Pereira, alcalde de Vilafranca do Bierzo.

Axenda de actos en Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos

O 15, 16 e 17 de setembro as localidades de Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos acolleran, respectivamente, o amplo programa de actos que configuran o Simposio do Bicentenario de Antonio Fernandez Morales / XI Xornadas de Autor IEB Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, no que a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Instituto de Estudios Bercianos (IEB), coa Comisión Cultural Martín Sarmiento e coa Real Academia Galega (RAG).

A axenda abrirase o venres 15 ao serán na Casa da Cultura ponferradina coa inauguración da exposición conmemorativa, que apoia a Consellería de Cultura por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e coa apertura oficial do simposio, ás que seguirá a conferencia inaugural ‘Unha nova visión da vida de Antonio Fernández Morales’ impartida polo profesor J.A. Balboa de Paz e a actuación musical de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli (2naFroteira). Xa o sábado 16, a xornada de mañá, no Teatro Gil y Carrasco de Vilafranca, inclúe unha sesión sobre a obra ‘Ensayos poéticos en dialecto berciano’ e intervencións dos profesores Rosario Álvarez, Héctor Silveiro e Anxo Angueira, así como comunicacións, pola tarde, de Andrea Castelo, Xosé Henrique Costas e Juan Carlos Pérez.

O domingo 17 o Museo MARCA de Cacabelos acollerá a derradeira xornada con comunicacións de José Luis Puerto, Héctor Luis Suárez e Javier Fernández-Llamazares, previas ao acto de clausura cun recitado do profesor e escritor Anxo Angueira e unha ofrenda floral na tumba de Fernández Morales coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo. O programa completo está dispoñible no Portal da Lingua Galega.

Un programa para impulsar a lingua nas comunidades estremeiras

A Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León iniciaron no ano 2001 unha colaboración, ampliada coa sinatura dun protocolo entre os dous gobernos en 2006, que posibilita que actualmente estuden materias de ou en galego preto dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario ou medio en centros de León e de Zamora, no marco do Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria. Co inicio deste curso escolar o devandito programa vese ampliado coa incorporación do CRA leonés Cubillos del Sil, que se suma aos 18 centros de ensino primario e secundario e mais á escola oficial de idiomas.

Estes 18 centros participantes son o CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca, CEIP Tuela-Bibey de Lubián, IES Bergidum Flavium de Cacabelos, IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, IES Europa e IES Virgen de la Encina. 

 

Comparte