Nova: 50.000 persoas participaron no Verán no Gaiás da Cidade da Cultura

17/09/2017

50.000 persoas participaron no Verán no Gaiás da Cidade da Cultura

Remata un programa na que se organizaron 68 actividades durante os meses de xullo, agosto e setembro

Ciclos como o de Atardecer no Gaiás superan o récord de asistencia, con preto de 12.000 espectadores no seus 21 concertos

Novas actividades, como as acampadas de Unha noite no bosque, despídense cunha extraordinaria acollida por parte do público

  • Unha imaxe dun dos eventos do Verán no Gaiás Unha imaxe dun dos eventos do Verán no Gaiás

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2017.- A Cidade da Cultura vén de pechar esta fin de semana una nova edición de Verán no Gaiás, o programa de actividades que se organiza nos meses de xullo, agosto e setembro e no que este ano participaron preto de 50.000 persoas.

A sesión de Visitas Astronómicas do pasado sábado despediu un verán no que se organizaron 68 actividades, entre ciclos musicais, festivais familiares, exposicións ou obradoiros. A Cidade da Cultura destaca a excelente resposta do público e cita como exemplo ciclos como Atardecer no Gaiás, que superou o seu récord de espectadores con preto de 12.000, nos 21 concertos programados.

Artistas e bandas como Siniestro Total, C. Tangana, Manel, Triángulo de Amor Bizarro, Hidrogenesse ou Nudozurdo, entre outros moitos, foron algúns dos nomes que pasaron pola praza do Gaiás, nunha oferta musical que combinou grupos galegos, chegados doutros puntos de España e internacionais, como Carla Morrison ou Kikagaku Moyo.

Acampadas no Bosque de Galicia

Este verán puxéronse en marcha actividades novas, como as acampadas no Bosque de Galicia co nome de Unha noite no bosque, e que obtiveron unha moi boa acollida e completaron unha programación para público familiar que volveu contar con citas consolidadas no calendario do verán, como o festival Cidade Imaxinaria.

O Museo Centro Gaiás, coas exposicións Flor Novoneyra de Antón Lamazares e Da árbore á cadeira, despide o verán con resultados satisfactorios, sendo estes tres meses os que marcaron un récord na afluencia de visitantes libres –non integrados en grupos ou visitantes organizadas-. Estas mostras continúan abertas: a de Lamazares poderá visitarse ata o 15 de outubro, mentres que a Da árbore á cadeira, ata o 5 de novembro.

No eido das artes visuais, a Cidade da Cultura volveu converterse durante unha semana nun dos centros da creación contemporánea de España coa sétima edición do Encontro de Artistas Novos, evento que rematou coa inauguración da intervención de Fredy Solano A través dun horizonte sen corpo.

O Gaiás abriu este verán os seus espazos a eventos vinculados á difusión da música popular, como o III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia e a Final da Liga Galega de Bandas de Gaitas.

Aínda que remata Verán no Gaiás, en setembro continúan no Museo as Findes na Balea, un ciclo de obradoiros artísticos cos que se busca estimular a creatividade e a imaxinación dos menores da familia.

A Cidade da Cultura lembra que Verán no Gaiás é o resultado da colaboración de institucións como a Fundación USC Deportiva, coa que se organiza Camiño ao Gaiás; o Observatorio Astronómico “Ramón María Aller”, tamén da Universidade de Santiago, co que se levan a cabo as Visitas Astronómicas; a Federación Galega de Bandas de Gaitas, a Federación Galega de Bandas de Música.

Por outra banda, subliña o patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega, pero o apoio da Deputación da Coruña, que colabora co Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, e de empresas e institucións como Cándido Hermida, Fundación Sabadell e Viaqua, colaboradores da exposición Da árbore á cadeira.

Comparte