Nova: O Casino de Noia habilitarase como espazo cultural
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
21/09/2017
O Casino de Noia habilitarase como espazo cultural
A Consellería asina un convenio co Concello que permitirá rehabilitar este edificio emblemático do municipio para o seu aproveitamento con fins culturais
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá un total de 100.000 euros na rehabilitación do Casino de Noia, o que permitirá levar a cabo no inmoble unha actividade cultural estable. O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Noia para a realización das obras de rehabilitación do edificio, cuxo custo total ascende a preto dun millón de euros.
Ao abeiro do dito convenio, o departamento de Cultura do Goberno galego comprométese a financiar con 100.000 euros –distribuídos en dúas anualidades– estas obras, cuxa execución correrá a cargo do Concello.
Esta actuación enmárcase dentro das iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia a prol da defensa e da promoción dos valores culturais e da protección, conservación e difusión do patrimonio. Así mesmo, garántese que os concellos dispoñan dunha axeitada infraestrutura sociocultural para a súa utilización e desfrute por parte da cidadanía.
Tras a súa rehabilitación, o Casino de Noia habilitarase como Centro de Visitantes Multifuncional do Xeodestino da Ría de Muros-Noia, favorecendo o seu aproveitamento con diversos usos, xa que contará con sala de conferencias, salón de actos, espazos acondicionados para exposicións etc.
Un inmoble singular
O edificio reúne unhas características arquitectónicas singulares e que o sitúa como un inmoble de referencia na evolución urbana da vila. No que atinxe ao aspecto decorativo, os elementos singulares máis significativos son a pedra tallada, os balaústres, pináculos e a reixa de ferro. Canto ao aspecto construtivo cómpre destacar as columnas, balcóns voados e vans en arco.
Hoxe en día, a súa estrutura presenta un aspecto ruinoso nalgunhas partes, posiblemente derivado das filtracións de auga durante os anos que permaneceu en estado da abandono. De aí que precise dunha intervención que permita recuperar o edificio para uso público.
Mellora das instalacións culturais
Mediante convenios de colaboración, a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, renovou durante o ano 2016 as instalacións e equipamento do Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, do concello de Curtis, e acometeu o acondicionamento do Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira, no concello de Silleda. Ademais, co mesmo fin de mellorar as condicións da rede de equipamentos municipais en que se desenvolve unha programación cultural estable, a Xunta promove unha liña de axudas para que os concellos e as súas entidades públicas poidan realizar nestas infraestruturas investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como accións de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. A contía das axudas en 2017 ascendeu a 500.000 euros.