Nova: Eme 2, Ibuprofeno e Yllana actúan este outono en Vilagarcía dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
22/09/2017
Eme 2, Ibuprofeno e Yllana actúan este outono en Vilagarcía dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O Auditorio Municipal ofrecerá Get Back o 21 de outubro, Raclette o 11 de novembro e Yllana 25 o 9 de decembro
O director da Agadic participou hoxe na presentación destas funcións na capital arousá, que forma parte do circuíto escénico da Xunta desde os seus inicios
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 22 de setembro de 2017.- As compañías galegas Eme 2 e Ibuprofeno Teatro e a madrileña Yllana viaxarán este outono a Vilagarcía con tres dos seus espectáculos, que representarán no Auditorio Municipal dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 44 espazos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 539 citas culturais durante 2017.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira, incidindo na relevancia das súas tres propostas: Get Back, que Eme 2 porá en escena o 21 de outubro, e que chega ao Auditorio Municipal avalada por unha excelente acollida de público; Raclette (11 de novembro), montaxe de Ibuprofeno a partir do texto co que Santiago Cortegoso obtivo o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, entre outros recoñecementos dentro e fóra de Galicia; e Yllana 25 (9 de decembro), o espectáculo co que a compañía madrileña, referente do humor xestual e irreverente, está a celebrar o seu vixésimo quinto aniversario.
Na súa intervención, o director da Agadic explicou que o Concello arousán é un dos primeiros municipios que se asociaron á Rede Galega de Teatros e Auditorios, hai xa máis de 20 anos. Nas súas palabras, “durante todo este tempo, Vilagarcía vén sendo o noso aliado na tarefa común de difundir e poñer en valor o mellor do teatro galego”.
Este circuíto constitúe na actualidade a principal canle para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade cunha programación que se estende durante todo o ano. Para desenvolver a de 2017, conta cun orzamento de 1,53 millóns de euros, que achegan ao 50% a Agadic e as entidades locais xestoras dos espazos. Este investimento, que vén experimentando un progresivo incremento nos últimos anos (dun 8,2% respecto a 2016 e de máis do 30% en relación con 2014), destínase integramente á contratación das devanditas 539 actuacións, levadas a cabo por 144 compañías de teatro, música, danza, maxia e circo, a maioría delas galegas.