Nova: O Museo de Belas Artes inicia en outubro a súa programación didáctica para os centros educativos

24/09/2017

O Museo de Belas Artes inicia en outubro a súa programación didáctica para os centros educativos

As actividades, que son de balde, van dirixidas a rapaces desde a etapa de infantil ata bacharelato

  • O Museo de Belas Artes da Coruña iniciará a partir do día 17 de outubro a súa programación didáctica dirixida aos centros educativos O Museo de Belas Artes da Coruña iniciará a partir do día 17 de outubro a súa programación didáctica dirixida aos centros educativos

A Coruña, 24 de setembro de 2017.- O Museo de Belas Artes da Coruña iniciará a partir do día 17 de outubro a súa programación didáctica dirixida aos centros educativos.

Deste xeito, o centro expositivo de xestión autonómica programa unha serie de visitas configuradas como un percorrido didáctico polas salas do museo, con contidos e actividades dinamizadas a través visitas-taller adaptadas aos diferentes niveis educativos aos que van dirixidas (desde a etapa de infantil ata bacharelato).

As visitas serán guiadas por un educador do propio museo, que favorecerá o achegamento do alumnado ás distintas formas artísticas da colección dun modo dinámico e lúdico, fomentando a participación e a estimulación da creatividade. O profesor ou profesora acompañante do grupo deberá estar presente en todo momento durante a realización da actividade.

Para poder participar nestas visitas, os propios centros deberán formular a correspondente solicitude e, deste xeito, poder adaptar datas e contidos dos percorridos en función do público ao que vai dirixido.

Estas visitas poderán efectuarse entre o 17 de outubro deste ano ata o 21 de xuño de 2018, en horario de martes a venres de 10,00 a 11,00 horas.

 

Difusión do patrimonio dos museos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona unha rede de museos e centros expositivos a través dos cales realiza un labor fundamental de conservación, coidado e tamén de difusión social do patrimonio cultural de Galicia.

Para dinamizar os seus fondos, os museos contan cunha extensa programación de actividades dirixidas a distintas franxas de poboación, que lles permite dar a coñecer os seus bens, abrirse cada vez máis ao conxunto da cidadanía e converterse nunha plataforma activa de dinamización da oferta cultural; unha actividade que inclúe visitas guiadas e investigación, pero tamén cursos, obradoiros, xornadas, conferencias, presentacións, días de portas abertas, programación audiovisual, musical e de artes escénicas etc, ademais de exposicións artísticas.

Comparte