Nova: O Museo do Pobo Galego celebra un seminario sobre Museos, etnografía e antropoloxía
28/09/2017
O Museo do Pobo Galego celebra un seminario sobre Museos, etnografía e antropoloxía
O Museo Massó, o Museo Etnolóxico de Ribadavia e Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense participan nas mesas de debate que se desenvolven desde hoxe e ata o sábado en Santiago de Compostela e en Vigo
No acto de apertura, o secretario xeral de Cultura recordou o importante labor que veñen desenvolvendo os centros museísticos dedicados á preservación, difusión e posta en valor do patrimonio etnoantropolóxico galego
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- O seminario Museos, etnografía e antropoloxía ofrece desde hoxe e ata o vindeiro sábado 30 de setembro unha programación de coloquios e de mesas redondas para a reflexión e o debate arredor deste patrimonio cultural. O Museo do Pobo Galego, onde teñen lugar as dúas primeiras xornadas, acolleu esta mañá o acto de apertura, no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o importante labor que veñen desenvolvendo os centros museísticos dedicados á preservación, á difusión e á posta en valor do patrimonio etnoantropolóxico galego.
Durante a súa intervención tamén fixo referencia á complexidade da musealización destes centros temáticos, así como á necesidade de ir abrindo novos camiños e de deseñar liñas de actuación que permitan situar os museos etnográficos e antropolóxicos no lugar que merecen. “De aí a importancia –afirmou– de iniciativas como a que hoxe inauguramos para poñer enriba da mesa propostas novas, proxectos pioneiros que favorezan o desenvolvemento destes museos, a mellora das súas coleccións e que, sobre todo, consigan achegalos á cidadanía”, asegurou.
Neste sentido, Anxo Lorenzo recordou o papel do Museo do Pobo Galego como centro de referencia para o conxunto dos museos etnoantropolóxicos, ao tempo que felicitou a entidade pola celebración do 40º aniversario da súa apertura ao público, que se cumpre o próximo mes de outubro.
Tamén participaron no acto de apertura Felipe Arias e Xosé Carlos Sierra, ambos organizadores do simposio xunto con Esperanza Delgado e María Xosé Fernández Cerviño. O presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, completou as intervencións do acto de apertura do museo, que celebra en Vigo, na Fundación Liste, a xornada do sábado.
Un espazo de encontro para a reflexión e o diálogo
Promovido polo Museo do Pobo Galego, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o simposio ofrece un total de cinco relatorios e outras tantas mesas redondas –nas que participan diversos centros de xestión autonómica, como son o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo Massó de Bueu e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense– dedicadas á reflexión sobre o patrimonio de interese etnoantropolóxico e á análise das dificultades e perspectivas actuais dos museos, coleccións, ecomuseos, centros de interpretación, aulas didácticas etc. desta natureza en Galicia.