Nova: A exposición Castelao grafista leva a Madrid o encontro texto-imaxe na obra do artista rianxeiro

28/09/2017
A exposición Castelao grafista leva a Madrid o encontro texto-imaxe na obra do artista rianxeiro
Ata o 26 de novembro, a mostra repasará a súa obra gráfica: deseños, ilustracións para libros, carteis, estampas...
Está organizada pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e as Fundacións MAPFRE e Torrente Ballester coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes
Madrid, 28 de setembro de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán, na sede da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, na inauguración da exposición Castelao grafista. Organizada pola citada academia, a Fundación MAPFRE e a Fundación Torrente Ballester coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes, a mostra, comisariada por Miguel Fernández-Cid, repasará ata o próximo 26 de novembro a obra plástica do artista rianxeiro centrándose naquela que chega ao espectador a través dun proceso técnico gráfico: deseños, ilustracións para libros e publicacións periódicas, carteis ou estampas, entre outros.
Valentín García agradeceulles aos organizadores de exposición “esta iniciativa que contribúe a estender fóra de Galicia o coñecemento dun dos nosos artistas máis universais”. A propósito da universalidade, o secretario xeral de Política Lingüística lembrou que “Castelao era plenamente consciente de que a vocacion universal da arte se realizaría unicamente cando esta partise da fidelidade a un tempo, a unha lingua, a unha cultura, a unha terra”. “Esta exposición”, concluíu, “é mostra de que tiña razón, pois estando tan presentes Galicia e o galego nas obras que se mostran nela, ten a vocación e a capacidade de emocionar a cantos veñan visitala, sexan de onde sexan”.
Encontro entre texto e imaxe
Castelao gafista amosa a evolución estilística e teórica do artista rianxeiro para chegar a converterse en referencia na historia da ilustración gráfica da primeira metade do século XX. Faino cunha selección rigorosa de case duascentas obras que permiten amosar o seu progresivo compromiso ético, social e político, pero tamén os seus recursos plásticos e como culmina a definición da súa linguaxe no encontro entre texto e imaxe.
Con motivo da exposición publícase un catálogo en que escriben, entroutros autores, Miguel Anxo Seixas, Antón Patiño, Pilar García Negro, María Victoria Carballo-Calero, Ramón Villares, Valeriano Bozal, Inma López Silva ou Miguel Fernández-Cid, comisario da mostra. Inclúe tamén o texto escrito por Gonzalo Torrente Ballester para a revista Grial en 1975 sobre Un ollo de vidro e outro de Ricardo Carballo-Calero titulado Castelao e a súa lingua.
Castelao, artista gráfico
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950) foi escritor, político e artista global (caricaturista, debuxante, ilustrador, pintor, escenógrafo e teórico da arte). Aínda que estudou medicina, axiña se orientou profesionalmente cara ás artes gráficas. Durante anos, compaxinou os debuxos coas pinturas, algunhas de gran formato, coas que participaba en exposicións colectivas e mostras individuais. A principios da década de 1920, a pintura cedeu terreo ás colaboracións gráficas, que se converteron na súa principal actividade. Os anos 30 son época de madurez e de compromiso político, o que se percibe claramente nos carteis do momento e nos debuxos con que prepara as Estampas de guerra. A partir de 1939 cabe destacar os seus Debuxos de negros, así como as ilustracións e escenografías para a súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse.