Nova: As Burgas recibirán preto de 16.000 euros para a súa limpeza e restauración
04/10/2017
As Burgas recibirán preto de 16.000 euros para a súa limpeza e restauración
A Xunta e a alcaldía de Ourense asinan un convenio de cooperación para a execución dos traballos
Ourense, 4 de outubro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, veñen de asinar un convenio de cooperación para a execución das actuacións de limpeza e restauración da Burga de Abaixo, uns traballos aos que se destinarán preto de 16.000 euros.
Con esta intervención, incluída no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, búscase corrixir os efectos causados polo paso do tempo e pola propia auga no ben. Unha vez rematados os traballos será o Concello de novo o que asumirá a xestión, mantemento e conservación das burgas.
A Burga de Abaixo foi construída a mediados do século XIX en estilo neoclásico. Consta de tres corpos con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. En conxunto, as burgas foron declaradas en 1975 Conxunto Histórico-Artístico e hoxe en día son, canda a ponte romana e a catedral, un dos símbolos patrimoniais da cidade.