Nova: O Foro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia intensifica a súa actividade con máis de 30 entidades rexistradas
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
05/10/2017
O Foro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia intensifica a súa actividade con máis de 30 entidades rexistradas
A Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal organizan a terceira edición deste foro bilateral, que terá lugar en Ourense o 21 de outubro dentro da programación do festival OUFF
Os representantes das produtoras de cinema e televisión acreditadas manterán xuntanzas personalizadas na procura de socios estratéxicos para os seus novos proxectos
Santiago, 5 de outubro de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) organizan por terceiro ano consecutivo o Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que aumenta ata unha trintena o número de entidades e empresas participantes. O encontro, programado para o sábado 21 de outubro no Liceo ourensán, volverá ter lugar no marco do programa de actividades paralelas do Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF.
Seguindo a estrutura das edicións anteriores, este foro bilateral desenvolverase arredor de reunións one to one, concertadas pola organización para que os responsables das compañías entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de novas propostas para cinema e televisión. Nestes momentos, varias das compañías participantes no encontro do ano pasado traballan xa na preprodución dos proxectos conxuntos xurdidos ou impulsados a raíz destas xuntanzas.
Pola banda galega, ademais da Agadic, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), xa teñen confirmada a súa asistencia os responsables das empresas Adiviña Producións, Agallas, Cinemar, Control Z, CTV, Ficción Producciones, Ollo Vivo, Portocabo, Recrea, Sr. Pause, Voz Audiovisual, Walkie Talkie Films e Zenit TV, así como do Festival Primavera de Vigo.
En canto á delegación portuguesa, encabezada polo ICA e a Radio Televisão de Portugal (RTP), desprazaranse ata Ourense os representantes de Anexo 82, Animais AVPL, Cedro Plátano, David&Golias, Filmes do Tejo, Jumpcut, Lightbox, LX Filmes, Mares do Sul, Original Features, Pixbee, Take 2000 e Zulfilmes.
Intercambio profesional e artístico
Coa convocatoria anual do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, a Xunta busca manter aberta unha canle de comunicación directa coas empresas audiovisuais do país veciño cara á posta en marcha de proxectos comúns, que favorezan así mesmo o intercambio de profesionais técnicos e artísticos a ambas as beiras do Miño. Foi o caso da serie Vidago Palace, unha coprodución entre a TVG e a RTP que recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes na primeira edición deste foro de coprodución. A serie foi emitida este mesmo ano en ambos os países.