Nova: Comezan os traballos de mantemento preventivo na área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas
05/10/2017
Comezan os traballos de mantemento preventivo na área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas
Cultura realiza esta actuación, que conta cun orzamento de máis de 10.000 euros e un prazo de execución de dúas semanas
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, promove a realización de diferentes traballos de mantemento preventivo nun dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia, a Área Arqueolóxica de Tourón, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Con esta actuación búscase mellorar o estado de conservación e o funcionamento operativo deste enclave patrimonial. A actuación comezou onte, ten un prazo de execución de dúas semanas e conta cun investimento de 10.478,60 euros.
Os labores de mantemento preventivo consistirán na limpeza dos soportes pétreos nos que están insculpidos os petróglifos de Laxe das Cruces e Nabal de Martiño e na execución de drenaxes para evitar o escorregar da auga sobre eles e minimizar o deterioro das figuras gravadas. Así mesmo, tamén se procederá á roza manual da vexetación da contorna máis inmediata destas estacións e á reparación puntual dalgúns tramos de pasarela deteriorados na estación de Coto da Siribela. A actuación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural realizarase cun equipo técnico integrado por arqueólogos e restauradores e co apoio do persoal técnico do propio Centro Arqueolóxico de Tourón.
A Área Arqueolóxica de Tourón, xestionada polo concello de Ponte Caldelas en virtude dun convenio asinado coa Mancomunidade de Montes Veciñais de Tourón, propietaria dos terreos, é un espazo acondicionado para a visita pública de parte do importante conxunto rupestre situado na parroquia homónima. O conxunto está integrado por un bo número de petróglifos, entre os que destacan o complexo panel da Laxe das Cruces e a escena de cacería plasmada no Nabal de Martiño. No seu día, a acción de valorización da área arqueolóxica foi promovida polo concello de Ponte Caldelas e financiouse ao abeiro do programa PRODER II, e con achegas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Tourón destaca polos seus valores patrimoniais e polo seu potencial como recurso cultural e turístico, razóns que a levaron a seren incluída no seu día dentro do Itinerario Cultural do Consello de Europa Camiños de Arte Rupestre Prehistórico.