Nova: A Asociación Vista Alegre de Bandeira celebra o seu XXXV aniversario

22/10/2017
A Asociación Vista Alegre de Bandeira celebra o seu XXXV aniversario
O conselleiro de Cultura e Educación participou nos actos conmemorativos desta entidade silledense
Silleda (Pontevedra), 22 de outubro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel desenvolvido pola Asociación Vista Alegre na dinamización cultural do Deza. No marco dos actos de celebración do XXXV aniversario desta entidade, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que esta entidade é unha das máis activas de Galicia no eido cultural, signo de identidade da comarca dezá, contribuíndo de xeito significativo a “facer Bandeira e de construír Galicia”.
O conselleiro quixo felicitar a todos os que fan e fixeron posible o funcionamento da Asociación nestes 35 anos de historia, así como ter un recordo agarimoso para todos os presidentes e presidentas e para Juan Salgueiro, presidente fundador. Asemade, destacou que conta con arredor de 500 socios e desenvolve unha actividade moi variada en canto á súa diversidade: desde semanas culturais e gastronómicas ata exposicións, cursos, excursións…
No transcurso do acto presentouse un cadro doado por Teresa Bascuas á Asociación e realizouse unha pequena introdución á historia desta entidade. Así mesmo, os participantes visitaron as instalacións da Asociación, sitas en Bandeira.
Cómpre lembrar que a Consellería destinou 21.780 euros ao acondicionamento e mellora deste centro cultural, a través do convenio de colaboración asinado entre o conselleiro e o alcalde de Silleda en setembro de 2016. Ao abeiro deste acordo, a Consellería participou na rehabilitación da segunda planta, o que permitiu habilitar dúas novas salas, unha para exposición e almacenaxe de vestiario tradicional e outra para usos multifuncionais.
Neste sentido o conselleiro sinalou que o feito de que a Asociación fixera fronte con prudencia e intelixencia ao reto de culminar a mellora e acondicionamento das instalacións que constitúen o seu centro-sede é boa proba de que esta entidade ten un amplo futuro por diante. “Vista Alegre está repleta de vida e seguirá espallando saber entre as xeracións futuras de galegos e galegas”, dixo.
No acto participaron tamén o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; a presidenta da Asociación Cultural Vista Alegre, Lola Sangiao; o presidente da federación de Asociacións galegas na República Arxentina, José Luis Sangiao; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.
En funcionamento desde o anos 30
O edificio que ocupa hoxe a Asociación Cultural Vista Alegre botou a andar como escola laica en 1930, grazas ao esforzo colectivo dos veciños da zona que emigraron a Bos Aires. Foi en 1978 cando pasa a converterse en centro social do pobo e, por ende, en foco dinamizador cultural.
Trátase dun dos puntos neurálxicos da vida cultural non só do concello silledense, senón de toda a provincia de pontevedresa. Propiedade da Sociedade Pro-Escolas en Bandeira, comezou a funcionar como escola en 1930. Co apoio das distintas institucións e coa axuda dos veciños de Bandeira, en 1982 fundouse a Asociación Vista Alegre e, na actualidade, desenvólvense nel distintas actividades culturais e educativas.
Esta Casa da Cultura é berce de asociacións tan importantes como Xirandola, Fortín da Pomba, a Banda de Música de Bandeira, grupos folclóricos, a Asociación de Amigos da Empanada ou a Asociación do Entroido de Bandeira, entre outras.